O BNG buscará a unanimidade do Parlamento para o traspaso da AP-9 e tres xulgados de violencia de xénero

Ana Pontón pide ao PP que apoie estas propostas desde Galicia e "non poña impedimentos nin paus nas rodas" en Madrid.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2022 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou que presentarán dúas proposicións non de lei no Parlamento galego para "reactivar o traspaso de competencias" e , en concreto, demandarán o traspaso da AP-9 a Galicia e a creación de tres xulgados de violencia de xénero --en Lugo, Santiago de Compostela e Ourense--, é dicir, os acordos que segundo anunciaron este mércores os nacionalistas alcanzaron co PSOE en Madrid.

En declaracións aos medios durante un paseo pola festa da Ascensión, en Santiago, Pontón sinalou que con estas iniciativas pretenden "dar un impulso desde a unanimidade" para que se "reactive o traspaso de competencias" e "que haxa unha axenda ambiciosa por parte do Goberno" da Xunta.

"Este é un Goberno que ten unha marca moi triste: cero competencias en 13 anos. Por iso, desde o BNG queremos darlle un impulso para mellorar a capacidade de Galicia de poder decidir sobre os asuntos que nos incumben", expresou. Sobre a reactivación da transferencia da AP9, Pontón pediu ao PP que a apoie desde Galicia, pero que "non poña impedimentos nin paus nas rodas" desde Madrid porque, recoñeceu, "esta tramitación está a ser moi tortuosa" e é "unha cuestión fundamental para o futuro".

XULGADOS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

No caso da proposición non de lei acerca da creación de tres xulgados de violencia de xénero en Galicia, a líder nacionalista afirmou que "unha mellor resposta xudicial é clave para dar unha resposta neste ámbito ás mulleres que sofren violencia de xénero". Neste sentido, argumentou que hai un déficit de xulgados en Galicia e considerou que este é "un paso moi importante" porque "a axenda do BNG é tamén unha axenda feminista".

Ademais, Ana Pontón resaltou a importancia que ao seu xuízo tivo a reunión celebrada o pasado mércores en Madrid entre membros do BNG e do PSOE no Congreso porque permitiu "reactivar o traspaso de competencias despois de 13 anos".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun paseo polas festas da Ascensión, en Santiago de Compostela.. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun paseo polas festas da Ascensión, en Santiago de Compostela.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta