Jácome espera "gañar nas apelacións" ao fallo que anulou a modificación de crédito de 62 millóns

"Creo que se vai marcar xurisprudencia, tendencia, mesmo podería cambiar a lei", recalca o alcalde de Ourense.

Por E.P. | OURENSE | 28/05/2022 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, móstrase optimista coa posibilidade de "gañar nas apelacións" e que se reverta a sentenza que anulou a modificación de crédito de 62,6 millóns aprobada polo Concello en 2021.

En concreto, o fallo, ditado o pasado venres 20 de maio polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense, estima parcialmente un recurso presentado por catro concelleiros do PSOE e ordena retrotraer as actuacións e realizar a exposición pública da modificación de crédito por un prazo de 15 días para, unha vez transcorridos, someter ao pleno as posibles reclamacións que se presenten.

Con todo, tal e como expresa este sábado en declaracións aos medios, Jácome ve "prometedora" a sentenza porque o xuíz, no seu mesmo razoamento baseado nunha sentenza anterior do Tribunal Supremo, conclúe que non se pode descartar que "nun futuro" a doutrina do alto tribunal "poida cambiar" ou que mesmo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) "poida chegar a unha solución diferente" se o goberno local apela.

Dadas as manifestacións do xuíz, o alcalde de Ourense insiste en que "é un tema tremendamente peliagudo" e que "realmente" o TSXG "vai opinar distinto". "Entendemos que a este xuíz (o do xulgado do Contencioso-Administrativo) non quedou máis remedio que ditar esa sentenza porque se tiña que basear nunha xurisprudencia do Supremo, pero entendemos que se vai ao TSXG ou ao Supremo vai marcar outra tendencia porque hai moitos defensores da teoría contraria", aseverou.

A modificación orzamentaria saíu adiante pola vía da moción de confianza. Así, o 14 de xuño do pasado ano, Jácome someteu ao pleno esta iniciativa e, ao ser rexeitada, abriuse un prazo dun mes para presentar unha moción de censura con candidato alternativo á Alcaldía. Con todo, ao non presentarse a moción, a modificación de crédito quedou definitivamente aprobada.

Neste contexto, o rexedor ourensán lembrou que a cuestión confianza "é un recurso que teñen os alcaldes en toda España" para "non ter bloqueos da Corporación cando a Corporación non quere chegar a acordos". Por iso, Jácome argumenta que "non ten sentido" que a lei avale este intrumento "pero que logo o período de alegacións se poida bloquear porque ten que ir a pleno".

"Nós cremos que isto non ten sentido e cremos que imos gañar nas apelacións e creo que se vai marcar xurisprudencia, tendencia, mesmo podería cambiar a lei", recalca.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante un pleno no Concello de Ourense, a 6 de maio de 2022 / Rosa Veiga - Europa Press. / Europa Press
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante un pleno no Concello de Ourense, a 6 de maio de 2022 / Rosa Veiga - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta