O BNG pide no Congreso non eliminar a participación cidadá nas autorizacións de parques eólicos

Rego reclamou "un cambio de modelo", xa que, ao seu xuízo, non se pode permitir "a grave afectación que a implantación de todos os proxectos actualmente en trámite ou previstos" terá para Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2022 | Actualizada ás 19:12

Comparte esta noticia

O BNG anunciou que presentará emendas no Congreso á tramitación como proxecto de lei do Real decreto do Plan Nacional de resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra de Ucraína para eliminar os artigos 6 e 7 que pretenden "prescindir dos trámites de alegación e participación cidadá".

Ademais avanzou que presentará outras emendas para "sentar as bases dun procedemento de implantación racional que respecte á poboación, as terras agrarias e o medio natural e o patrimonio cultural".

Os nacionalistas explicaron nun comunicado que a finais do mes de marzo o Goberno central aprobou un Real Decreto que contiña algunhas medidas dirixidas a "tentar paliar a subida de prezos", pero que, segundo o BNG, "escondía dous artigos que eliminaban a posibilidade de participación pública nas autorizacións de parques eólicos de ata 75 Mw e que permite prescindir da Declaración de Impacto Ambiental".

Nun encontro con representantes de distintos colectivos e asociacións de protección do medio ambiente e de plataformas comarcais "en defensa colectiva ante a agresión da implantación sen control e planificación de parques eólicos en Galicia", o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, comprometeuse a presentar emendas ao texto que promova a revisión completa do actual modelo de implantación eólica e "sente unhas bases sustentables e respectuosas co medio e a poboación".

"É fundamental lexislar para que non sexan as empresas, atendendo aos seus intereses privados, as que decidan onde queren implantarse; debe ser a administración a que decida en que zonas e condicións se instalen, e garantir que sexa en zonas sen afectación a vivendas, patrimonio histórico ou natural, terras agrarias e forestais ou a plataforma continental galega", argumentou.

Nesta mesma liña, sinalou que é necesario garantir que se faga "unha Declaración de Impacto Ambiental dos proxectos eólicos" para "asegurar o cumprimento das garantías ambientais. Ademais, defendeu que se debe respectar o dereito da cidadanía a presentar alegacións e que estas sexa tidas en conta para a autorización final dos parques eólicos.

Así, Rego reclamou "un cambio de modelo", xa que, ao seu xuízo, non se pode permitir "a grave afectación que a implantación de todos os proxectos actualmente en trámite ou previstos" terá para Galicia. "Hai que protexer as persoas, ao medio e ao patrimonio", reafirmou.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, nunha reunión con representantes de colectivos, plataformas e asociacións de protección do medio ambiente.. BNG
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, nunha reunión con representantes de colectivos, plataformas e asociacións de protección do medio ambiente.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta