Temas: XUNTA PSDEG BNG PPDEG

O PPdeG pide á oposición "pactar sobre a base do programa de goberno" dos 'populares'

Insta a BNG e PSdeG a levar á reunión con Rueda propostas "sensatas" e "lonxe de posturas demagóxicas". Pontón acudirá con demandas en dependencia, sector eólico, pensións e atención primaria, e Formoso, en sistema sanitario, atención a maiores e innovación.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/05/2022 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

O viceportavoz parlamentario do PPdeG Alberto Pazos espera que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, leven propostas "sensatas e razoables" e "lonxe de posturas demagóxicas" á reunión á que foron convocados para o vindeiro luns, 6 de xuño, polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

O viceportavoz do PPdeG no Parlamento galego, Alberto Pazos.
O viceportavoz do PPdeG no Parlamento galego, Alberto Pazos. | Fonte: Europa Press

Pazos recalcou este encontro no "fundamental" que resulta que Galicia teña "unha postura común" para defender os seus intereses ante o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, cando reciba o novo mandatario galego, que xa lle "solicitou formalmente" unha reunión para a que aínda non hai data.

O viceportavoz popular felicitou a Rueda por tomar " a iniciativa" de convocar á oposición antes de que se producise "unha solicitude formal" por parte de socialistas e nacionalistas.

Con todo, Pazos demandou a Pontón e Formoso que leven propostas "centradas aos problemas que preocupan á maioría dos galegos" e que estean "lonxe de posturas demagóxicas que só buscan un bo titular pero que carecen dunha base sólida sobre as que levar adiante".

Entre elas, incluíu medidas para "paliar a máis que preocupante suba dos prezos". Precisamente, este mesmo luns o Instituto Nacional de Estatística (INE) avanzaba que o IPC aumentou un 0,8% en maio en relación ao mes anterior e que incrementou a súa taxa interanual catro décimas, ata o 8,7%.

Neste contexto, o viceportavoz parlamentario do PPdeG que esta inflación se reproduce en ámbitos como os carburantes "a pesar das bonificacións aprobadas polo Goberno", unha medida que "se mostra insuficiente"; e nos alimentos.

Do mesmo xeito, Alberto Pazos cre que os líderes de BNG e PSdeG deben presentar as súas propostas sobre o destino dos fondos europeos 'Next Generation' para que supoñan "un avance para a economía galega" e garantan unha "distribución xusta e afastada de intereses partidistas" que redunden na "mellora dos servizos públicos".

"Ata agora só se preocuparon de criticar as medidas da Xunta para paliar a falta de médicos que existe a nivel non só de España, senón de Europa, e para o incremento de aumento de prazas de atención a dependentes", lamentou o deputado popular, que tamén censurou que socialistas e nacionalistas unicamente lancen "propostas de investimento sen concretar de onde sairía ese diñeiro".

"PACTAR SOBRE A BASE DO PROGRAMA" DO PPDEG

Por todo iso, Pazos insistiu en que BNG e PSdeG non poden "pretender impor" as súas propostas programáticas, que foron "rexeitadas pola sociedade galega" nas eleccións de 2020.

Así, recalcou que a reunión con Rueda constitúa "un intento leal de pactar sobre a base do programa de goberno que mereceu o apoio dos galegos" --do PPdeG-- coa maioría absoluta no Parlamento.

Así mesmo, puxo como exemplo ao expresidente da Xunta e líder estatal do PP, Alberto Núñez Feijóo, porque no mes de abril "puxo enriba da mesa propostas para baixar a inflación" ao solicitar ao Goberno central unha "baixada temporal de impostos a rendas medias e baixas", unha "racionalización do gasto estatal" e un "redeseño dos fondos europeos".

PROPOSTAS DO BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acudirá á reunión con Alfonso Rueda cunha serie de asuntos en axenda, entre os que destacou o aumento das pensións para facer fronte á crise de prezos, a reforma do sistema de coidados ás persoas maiores, a paralización do "boom eólico" e a posta en marcha dun plan para sacar "do colapso" a atención primaria.

A líder nacionalista sinalou estes temas como as cuestións "prioritarias" para un encontro do que di non ter constancia aínda de forma oficial e asegura só saber da vontade de Rueda a través dos medios de comunicación.

Con todo, Pontón subliñou que acudirá á reunión con vontade de "solucionar os problemas do país", nos que, a xuízo do Bloque, hai unha serie de "cuestións prioritarias" que xa foron trasladadas "hai semanas" a Alfonso Rueda nunha carta na que pedían celebrar un encontro.

Neste sentido, lembrou que O BNG ve fundamental que se incrementen as pensións máis baixas e a contía da Risga --renda de integración autónomica-- e se poñan sobre a mesa apoios económicos para evitar que as repercusións da crise de prezos sexan máis severas nos sectores da poboación "que máis sofren".

Tamén demandarán á Xunta que acometa un "plan de mellora" da atención primaria que saque "do colapso" este nivel asistencial a través dun programa de 200 millóns de euros que, segundo Pontón, é "perfectamente viable" en termos económicos para unha administración que ten este ano un orzamento de máis de 11.600 millóns de euros.

Ademais, Pontón situou como outra das "prioridades" que o Goberno galego aposte por un "novo modelo de atención ás persoas maiores" que "non permita" a especulación nun sistema de residencias que debe ser público, comezando polas residencias proxectadas nas sete cidades.

Por último, pedirá a Rueda que a Xunta "pare o boom eólico" e reformule o marco normativo para o desenvolvemento deste sistema de produción enerxética en aras de que estea "ao servizo de Galicia e non do lobby eléctrico".

PROPOSTAS DO PSDEG

Reforzar o sistema sanitario a través de contratos de calidade para os facultativos, "reorientar" as políticas de atención ás persoas maiores e apostar pola innovación para transformar o tecido produtivo galego son as tres prioridades establecidas na axenda do PSdeG para o encontro que manterá o seu líder, Valentín González Formoso, co novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Así o avanzaron tanto o propio secretario xeral como o portavoz dos socialistas na Cámara galega, Luís Álvarez, quen, nunha rolda de prensa celebrada este luns no Pazo do Hórreo, manifestou a súa satisfacción por que o novo xefe do Goberno galego aceptase recibir aos líderes da oposición.

Formoso, a preguntas dos medios nun acto como presidente da Deputación da Coruña na cidade herculina, incidiu na importancia de abordar nesta reunión os asuntos "que de verdade preocupan á cidadanía", especialmente nunha "contorna socioeconómica" como o actual, marcado pola crise de prezos.

Neste sentido, o responsable dos socialistas galegos subliñou que existe "preocupación" entre a cidadanía galega polo "colapso" do sistema sanitario, onde existen "dificultades para que te atenda o teu propio médico, que che asignen unha habitación cando entras en urxencias e listas de espera de seis ou sete meses para unha proba diagnóstica".

Pola súa banda, Luís Álvarez manifestou que o PSdeG ve como "un bo comezo" que Rueda vaia atoparse con Formoso e coa nacionalista Ana Pontón porque entenden que é necesario acordar unha "axenda galega" que faga fronte á "situación tan grave" na que se atopa Galicia que urxe que a Xunta "empece a traballar" despois de "tres meses de xogo de cadeiras" por cuestións internas no PP.

Con todo, os socialistas esperan que Alfonso Rueda "non pretenda usar" estas reunións para "armar" un discurso de "oposición" ao Goberno central. "Estamos dispostos a defender Galicia ata onde sexa necesario, pero o presidente debe exercer as súas competencias, ese debe ser o horizonte", apostilou o portavoz parlamentario.

Temas: XUNTA PSDEG BNG PPDEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta