O BNG carga contra a Xunta por deixar sen executar 76 millóns en dependencia e situarse "á cola do Estado"

Pontón asegura que o "problema" de Galicia en materia de dependencia "é de xestión".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/05/2022 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cargou contra a Xunta pola súa política en materia de dependencia, área na que o pasado ano "deixou sen executar" 76 millóns de euros e deixar Galicia "á cola" do Estado en atención ás persoas dependentes, como revela un recente informe. Así o subliñou a líder nacionalista nunha rolda de prensa celebrada este luns no Parlamento de Galicia despois de manter un encontro con distintas organizacións e entidades que traballan no ámbito da discapacidade e a dependencia.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun encontro con entidades e colectivos do ámbito da discapacidade e a dependencia
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun encontro con entidades e colectivos do ámbito da discapacidade e a dependencia | Fonte: BNG.

Pontón lembrou que Galicia é, con 300.000 persoas, a comunidade autónoma que porcentualmente ten maior número de dependentes ou persoas con discapacidade, polo que precisa unha rede pública "que funcione adecuadamente", algo que, para a responsable do Bloque, non ocorre na actualidade pola "nefasta xestión" da Xunta.

Neste sentido, citou as conclusións do informe da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais publicado hai menos dunha semana e que sitúa Galicia entre as comunidades que diminuíron o seu investimento en dependencia no ano 2021, a que menos destina a esta área en termos globais e a segunda peor en gasto por por persoa.

A líder nacionalista censurou a resposta a este informe do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que se referiu a as transferencias económicas que Galicia demanda ao Estado para a atención á depedencia. "O que fai é repetir o argumentario do PP. A culpa é única e exclusivamente da Xunta", aseverou Pontón.

Nesta liña, considerou que non se trata dun "problema de cifras", senón "de xestión", porque a Administración galega "non é capaz nin de executar os recursos que ten".

Para a portavoz do Bloque, a "nefasta xestión" da Xunta exemplifícase nos 76 millóns de euros que quedaron sen executar o pasado ano e cuxa posta en funcionamento, segundo Pontón, permitiría "incorporar ás case 13.000 persoas" que agardan por unha valoración ou están á espera de entrar no sistema de dependencia.

A XUNTA ACUSA O GOBERNO

A Consellería de Política Social saíu ao paso das declaracións da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e asegurou que eses 76 millóns de euros corresponden a fondos do Executivo central "que deixou sen executar", como apunta o informe da Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais que sitúa Galicia á cola do Estado en gasto en dependencia.

A consellería rebate a afirmación de Pontón, á que acusa de terxiversar os datos deste documento. "Non sabemos se é descoñecemento ou falsidade intencionada", apuntan estas fontes, que afirman que en 2022 "Galicia incrementou o seu investimento en dependencia ata os 430 millóns de euros", dos que "o 70% proceden do Goberno galego e en torno ao 30% do Estado".

"A Xunta lamenta que o Goberno central siga sen cumprir a súa obrigación de financiar o 50% tal e como establece a Lei de Dependencia. Isto supón que Galicia deixa de ingresar 150 millóns anuais para atender ás persoas dependentes, o que significaría reforzar os servizos e chegar a máis persoas", conclúe a consellería.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta