Sanxenxo reforza os efectivos da Garda Civil ante a previsión dun verán "moi intenso"

O municipio, que prevé unha época estival sen precedentes, contará coa presenza da Garda Nacional Republicana portuguesa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2022 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

A Garda Civil incrementará "de maneira moi considerable" os seus efectivos en Sanxenxo durante os meses de xullo e agosto, "moi por encima dos reforzos de anos anteriores", ante a previsión de que o verán de 2022 sexa "moi intenso". Así o avanzou a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, en declaracións á prensa tras participar este luns, xunto co alcalde do municipio, Telmo Martín, na xunta local de seguridade.

En concreto, aos 35 axentes auxiliares cos que o Concello reforzará o persoal este verán, sumarase un reforzo na Garda Civil con 14 axentes --normalmente era de 10--, procedentes doutras zonas de España. Ademais, haberá presenza da Garda Nacional Republicana (GNR) portuguesa durante os meses de xullo e agosto, "que vai patrullar coa Garda Civil para dar servizo e seguridade a moitos cidadáns" do país veciño que escollen pasar as vacacións en Sanxenxo.

O alcalde mostrouse convencio de que "vai ser un verán moi forte non só en Sanxenxo, senón tamén en moitos lugares de España". Por iso, tal e como explicou ante os medios tras a xunta de seguridade, Martín solicitou que reforzarse "o máximo que poida". O rexedor, que se mostrou "moi contento" coa resposta que tivo esta demanda por parte da Subdelegación, recalcou que "o éxito que está a ter Sanxenxo nos veráns dos últimos anos é grazas, en parte, ao sitio seguro que somos".

"En Sanxenxo, os problemas de seguridade cidadá non vou dicir que non existan, pero si que é un lugar moi seguro para vir", insistiu.

SANXENXO, "TERCEIRA POBOACIÓN DE GALICIA" NO VERÁN

Pola súa banda, Larriba explicou que os reforzos se adoptan en previsión do aumento dos visitantes na época estival, que fai que Sanxenxo se converta "na terceira poboación de Galicia, con todos os problemas de seguridade que iso trae consigo".

Na reunión tamén participaron o concelleiro de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro, o coronel xefe da Garda Civil, Simón Venzal, así como representantes da Benemérita, da Policía Local e do servizo de Emerxencias de Sanxenxo. Durante a xunta de seguridade, tamén se abordou o nivel de delincuencia no municipio, cun lixeiro aumento en 2021 pero --segundo informa o Concello-- con delitos de carácter leve "como furtos ou lesións de pouca gravidade".

Unha situación similar que se produciu no balance da sinistralidade viaria de 2021 con accidentes de tráfico sen ningún falecido nin ferido de gravidade. Con todo, si se detectou un incremento do 20 por cento de condutores positivos en alcol e que a metade das probas que a Garda Civil realizou durante o pasado ano sobre o consumo de drogas foron positivas.

Así mesmo, abordouse a seguridade marítima e a necesidade dunha especial vixilancia para garantir a convivencia segura entre nadadores e vehículos a motor na lámina de auga.

A xunta local de seguridade de Sanxenxo coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e o alcalde do municipio, Telmo Martín.. CONCELLO DE SANXENXO
A xunta local de seguridade de Sanxenxo coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e o alcalde do municipio, Telmo Martín.. CONCELLO DE SANXENXO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta