Illar por grupos de idade é máis eficaz que confinar concellos para combater a covid-19, segundo científicos galegos

Físicos e xeógrafos crearon o primeiro mapa de risco ante pandemias no Estado español.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 31/05/2022 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia

Un equipo de físicos e de xeógrafos da Universidade de Santiago de Compostela creou un descritor matemático que permite identificar os territorios máis susceptibles de sufrir gromos pandémicos e estimar o impacto das diferentes restricións de mobilidade. Sobre esta base aséntase o primeiro mapa de risco español ante pandemias, co que os científicos mediron a vulnerabilidade de cada localidade de España durante a segunda onda da pandemia de Covid-19.

Recreación de infección por SARS-Cov-2, o coronavirus que causa a covid-19
Recreación de infección por SARS-Cov-2, o coronavirus que causa a covid-19 | Fonte: Europa Press - CREATIVE COMMONS. - Arquivo

O estudo pon de manifesto que un illamento por grupos de idade sería máis efectivo que o confinamento territorial por concellos. Así, dentro das combinacións favorables, observaron que illar por completo o grupo de poboación de 0 a 19 anos, e o de máis idade (de 70 anos en diante) e máis vulnerables, provocaría unha redución global do impacto da pandemia, con mellor resultado que se se aisla un municipio enteiro.

Os científicos Alejandro Carballosa, Pablo Boullosa, Adrián Garea, Jorge Mira e Alberto Pérez Muñuzuri, da Facultade de Física; e José Balsa Barreiro e Ángel Miramontes, da Facultade de Xeografía e Historia, publicaron os seus resultados na revista científica Chaos.

Entre outras achegas, o traballo tamén permite detectar que zonas xeográficas son máis vulnerables ante as pandemias, e poderían requirir reforzo de apoio médico.

Os investigadores analizaron a incidencia do virus en combinación cos fluxos de mobilidade durante a segunda onda da pandemia de Covid-19 (do 1 de agosto ao 30 de novembro de 2020) e consideraron varios escenarios de confinamento e contención para control da propagación do virus.

"As simulacións realizadas suxiren que o confinamento das persoas economicamente inactivas pode xerar unha redución significativa do risco", sinalaron estes científicos, que apuntaron que o resultado desta medida sería o equivalente ao do confinamento total da poboación.

MODELO 'MULTICAPA'

Para a súa investigación, recrearon o mapa de poboación de España a nivel municipal e estudaron os datos de incidencia da Covid-19, axustando o seu modelo matemático ás curvas de infectados de cada municipio. Unindo eses datos cos fluxos de movementos intermunicipais, simularon a evolución da pandemia ao longo do Estado, contemplando varios escenarios posibles.

Así mesmo, analizaron as mellores estratexias para o control da pandemia, considerando tanto confinamentos a nivel territorial como por grupos de idade.

Trátase dun modelo multicapa que, ademais de abordar os datos específicos da pandemia, permite engadir características especiais da xeografía dun lugar, como rede de estradas, comunicacións e mobilidade poboacional, así como estratificación por idades.

O estudo desenvolveuse no marco do proxecto Predico sobre modelos de predición dinámica sobre escenarios de afectación por Covid-19 a curto e medio prazo, que recibiu financiamento por parte do Instituto de Salud Carlos III de Madrid.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta