Temas: EDUCACIóN

Educación avanza aos centros galegos as instrucións do próximo curso para "facilitar a organización"

As escolas de idiomas adiantan aos meses de xuño e xullo o seu período de matrícula, que ata agora era en setembro.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 31/05/2022 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades trasladou aos centros educativos as instrucións do final deste curso e inicio do próximo 2022/23, co obxectivo de "facilitar ao máximo a organización e planificación lectiva" por parte das direccións, xa que os currículos definitivos aínda non están publicados.

Nena no seu pupitre nunha aula dun colexio de Galicia
Nena no seu pupitre nunha aula dun colexio de Galicia | Fonte: Xunta de Galicia.

Segundo informa a Xunta, trátase de dar "seguridade xurídica" aos colexios e institutos e "certezas ás familias" dos estudantes, posto que no próximo ano académico estarán en vigor de maneira simultánea dúas leis educativas: a nova Lomloe para os cursos impares e a Lomce para os pares.

Neste contexto, o profesorado --a través da plataforma informática interna creada para tal fin-- xa ten acceso ao currículo para a elaboración das programacións didácticas dos cursos impares antes de que se aproben os currículos.

Precisamente, a pasada semana a Xunta abordou cos sindicatos --CIG, ANPE, UGT e CC.OO.-- en mesa sectorial os borradores dos decretos que fixan os currículos de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato para o curso 2022/23 en Galicia, que aínda deben ser aprobados e publicados.

Ante este panorama, a Consellería lamenta "o atraso" do Goberno central na publicación pola súa parte dos currículums, o que leva a que "non estean publicados os textos definitivos" antes do arrranque das clases.

SISTEMA CENTRALIZADO DE FP BÁSICA

Entre as novidades que inclúe a planificación, está a redistribución das datas de probas e períodos de matrícula tras a eliminación das probas extraordinarias de setembro coa nova lei educativa.

No que respecta a Formación Profesional (FP), os graos básicos terán un sistema centralizado de matrícula que, segundo destaca a Consellería, "favorece as familias e o alumnado" que opta por esta modalidade.

Así, en caso dos estudantes que finalicen a ESO e queiran optar a FP básica, serán os propios centros de orixe os encargados de tramitar a documentación e as solicitudes de praza no ciclo que queiran.

ADIANTO DA MATRÍCULA NA EOI

Do mesmo xeito, para a Escola Oficial de Idiomas (EOI), a Xunta decidiu adiantar aos meses de xullo e xullo o proceso de matrícula, que ata agora se desenvolvía en setembro.

A preinscrición nestes centros para os alumnos que entren por primeira vez será entre o 27 e o 10 de xuño. No que se refire ao período de matrícula, os estudantes que aproben en convocatoria común deberán formalizala entre o 20 e o 30 de xuño, os que o fagan na extraordinaria, do 1 a 7 de xullo, e para o resto --incluídos os que entran por primeira vez, tras a preinscrición-- será do 1 a 20 de xullo .

Ademais, as probas extraordinarias de setembro pasan a xuño e, neste curso, celebraranse a partir do 20.

CALENDARIO ESCOLAR, O XOVES NO DOG

Por outra banda, a Consellería de Educación informa de que este xoves o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará o calendario escolar para o curso 2022-23, que non contén novidades respecto da proposta elevada á mesa sectorial docente a pesar das críticas dos sindicatos, que pedían atrasar o arranque.

Así pois, o curso comezará o 8 de setembro para todas as etapas educativas, incluídas as de Secundaria, Bacharelato e Ensinos de Réxime Especial.

Temas: EDUCACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta