Listas de espera: "os tempos do Sergas son parciais e están manipulados"

Usuarios do CHUS denuncian o caso dun infante que tivo que agardar 150 días para unha consulta urxente.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A saturación da sanidade galega, denunciada dende hai meses por profesionais e usuarios, segue a incrementar para achegarse xa a un potencial colapso do servizo público. Así se desprende dunha das áreas sanitarias máis afectadas e combativas fronte a unha problemática recoñecida entre dentes por Alberto Núñez Feijóo e o conselleiro de Sanidade Comesaña: a de Santiago.

CHUS, clínico de Santiago
CHUS, clínico de Santiago | Fonte: Sergas

Pacientes do CHUS veñen de subliñar as grandes demoras sufridas no servizo de pediatría, chegando a acumular esperas de ata cinco meses para atención especializada a crianzas. Así, apuntan ás listas de espera publicadas no decembro pasado polas autoridades e como estes revelan un “aumento severo das demoras no servizo de pediatría e do número total de nenos e nenas que agardan a recibir unha atención especializada”.

“Nesa data”, inciden “as demoras medias publicadas para consultas externas pediátricas eran de 40 días. En realidade, as estatísticas encobren unha situación moito máis grave”. Para mostra, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS destaca o testemuño de M.R.V., nai dun neno de 8 anos que padeceu o 20 de maio un anxiodema agudo que o levou ao servizo de urxencias e que, de acordo co facultativo que o atendeu, pode que sufrise un shock anafiláctico, sen causa coñecida que require evaluación urxente.

“Dende atención primaria, sete días despois de ter solicitado cita, tramítase unha interconsulta para o servizo de alergoloxía pediátrica, que foi fixada polo servizo de admisión para o 18/10/2022. É dicir, 151 días despois da crise, a pesar de que resulta urxente para a saúde do neno determinar a causa que a produciu e adoptar o antes posible o tratamento que permita evitalas no futuro”, inciden. Aseguran tamén que xa foi  presentada unha reclamación ante o Servizo de Atención ao Doente, demandando un adianto da cita, sen que se recibise resposta ningunha polo de agora.

De acordo con datos da mesma plataforma, ao longo do ano 2021 as listas de espera para consultas externas pediátricas incrementáronse nun 36,74 por 100, pasando de 675 pacientes en espera de atención a 923. Nas consultas externas por cirurxía pediátrica a situación aínda sería máis grave. No mesmo ano, o tempo medio de espera incrementouse en 23 días, pasando de 39  a 62 días de demora. Nun ano, o número total de nenos e nenas en espera pasou de 245 a 435, e 115 tiveron que soportar demoras entre 3 e 6 meses.

En cirurxía, o servizo de pediatría acada as maiores demoras de toda a área sanitaria. A poboación máis nova padece demoras medias para unha intervención cirúrxica de 136,6 días. No ano 2020, a demora estaba en 84, incrementándose, polo tanto, en 52 días. Segundo datos publicados polo SERGAS hai nenos que agardan ata 365 días para unha intervención. Pediatría, xunto con neurocirurxía, acumulan as maiores demoras de todos os servizos especializados. O número total de pacientes pediátricos en espera dunha intervención cirúrxica incrementouse nun ano 2021 en 206, pasando de 195 nenos a 401.

“Como pon de manifesto o testemuño de M.R.V., os tempos medios de espera recollen unha realidade parcial e manipulada. O certo é que as cifras publicadas ocultan o proceso de deterioro da atención, que no ano 2022 está acadando niveis aínda de maior preocupación. Detrás das estatísticas de pediatría ocúltanse nenos e nenas que están sendo vítimas dun sistema público de saúde en grave proceso de demolición e cuxo resultado se computa en menor calidade na atención e en demoras que afectan ás expectativas de curación”, rematan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Loisc

Centos de pacientes en lista non estructural do ano 2019. Nesa lista van prótesis de cadeira, próteses de rodilla, artrosis, etc. Unha manipulación terrible do Sergas do PP