Guadi Galego súmase ao cartel do Fisterra Blues Experience 2022

Haberá actuacións gratuítas nas rúas e prazas de Fisterra, que volven á programación tras dous anos de pandemia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2022 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

Fisterra Blues Experience, que se celebra do 10 ao 12 de xuño, chega á súa VI edición con formato estendido. Tras dous anos de pandemia, este singular evento de localización privilexiada aumenta a súa programación e regresa ás rúas, o porto ou a lonxa de Fisterra con espectáculos para todos os públicos.  

A cantante Guadi Galego. GUADI GALEGO - Arquivo
A cantante Guadi Galego. GUADI GALEGO - Arquivo

O cartel deste FiBE 22 encabézano Ilegales, JP Bimeni & The Black Belts, Guadi Galego, que se incorpora ao cartel inicial, e Al Dual. Tamén actuarán no Escenario Xacobeo instalado no campo de fútbol Ara Solis, Adrian Costa Blues Band e De Vacas, que farán bailar o público cos seus diferentes estilos. Soarán moito blues e rock, pero tamén soul, psicodelia, country, swing ou pop.

Ademais desa relación principal de artistas, o Fisterra Blues Experience 2022 celebrará actuacións musicais gratuítas na rúa para toda a familia. O sábado, a localidade converterase no Escenario Fisterra cunha sesión vermú a cargo de Mad Martin Trío, pasarrúas ao máis puro estilo Nova Orleáns da man da Low Bay Hot Band e o espectáculo Little Neno descobre... Os Beatles e Os Rolling Stones, que achegará estas dúas bandas míticas ás idades máis temperás. 

Celebrarase tamén a xa clásica "jam no faro" desde a terraza do Semáforo de Fisterra, de entrada libre ata completar capacidade, conducida pola Fisterra House Band feat. Degüello. A banda residente do festival participará, así mesmo, no "jazz a bordo", para o que xa se poden adquirir as entradas e ao que subirán na quenda do domingo Tato & Espiño, dous grandes artistas da escena musical compostelá. 

Co seu famoso faro, dos máis occidentais da Europa continental, Fisterra é terra de termo e final do Camiño para moitos peregrinos que continúan ruta desde Santiago, atraídos polas lendarias postas de sol sobre o horizonte Atlántico e as incribles panorámicas da Costa da Morte.

Coa súa natureza agreste, praias salvaxes e excelente gastronomía, Fisterra celebra esta nova edición dun festival que, máis alá diso, é unha experiencia na que música, patrimonio, ocio e cultura entretecen unha rede que ofrece a quen se achegue unha fin de semana única.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta