O BNG seguirá "presionando" en Bruxelas para que se realice unha investigación independente do accidente en Angrois

Ana Miranda valora que o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid ordene á CIAF que se reúna coas vítimas para analizar e dar resposta á solicitude dunha nova investigación sobre o sinistro.

Por A.C. Pereira-Menaut | Santiago de Compostela | 02/06/2022 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, avisa de que seguirá "presionando" en Bruxelas para que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) realice unha investigación independente do accidente do Alvia en Angrois, no que faleceron 80 persoas en 2013.

Accidente do Alvia en Angrois en 2013
Accidente do Alvia en Angrois en 2013 | Fonte: Europa Press.

O BNG valora que o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid estimase parcialmente o recurso contencioso administrativo presentado pola Plataforma de Vítimas Alvia 04155 e ordenase á CIAF que se reúna para analizar e dar resposta á solicitude dunha nova investigación sobre o sinistro.

O Bloque remarca que xa trasladou no seu día "as manipulacións realizadas polo Ministerio de Fomento en 2016 respecto da presión exercida no Executivo comunitario para que non se soubese o contido do informe da Axencia de Seguridade Ferroviaria Europea sobre as causas do accidente de Angrois". "Mediante esas manipulacións, a CIAF culpaba exclusivamente o maquinista e trataba de que a UE non revelase as súas críticas á investigación oficial realizada pola CIAF", agrega.

A portavoz do BNG en Europa incide en que o informe cuestionaba a independencia da CIAF e puña de manifesto que as vítimas non foran escoitadas nin tidas en conta durante o proceso.

Miranda lembra que, desde 2019, a Comisión Europea ten aberto un procedemento de infracción contra o Estado por incumprir a normativa europea de seguridade ferroviaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta