Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/06/2022 | Actualizada ás 19:48
A empresa pública Navantia deberá facilitar información sobre os salarios dos seus cargos directivos por orde do Consello de transparencia e do bo goberno, que deu a razón á CIG na demanda interposta o pasado ano.
A central nacionalista detallou que a denuncia foi rexistrada nos xulgados por mor da negativa de Navantia de presentar os salarios completos e desagregados dos membros do seu equipo executivo.
Agora, o Consello de transparencia, órgano estatal de carácter independente, ordena a Navantia que informe os salarios dos seus directivos, unha decisión que a CIG celebra como un "éxito histórico para a transparencia" na empresa pública.
A central remarca que os argumentos expostos polo organismo son "sólidos", polo que insta a Navantia a "non caer na tentación" de acudir a un contencioso-administrativo para defender a súa postura.
Así as cousas, reivindica que a transparencia en Navantia é unha medida beneficiosa para os contribuíntes porque permite "verificar a correcta e eficiente utilización" do diñeiro público e avisa que a información sobre os salarios dos directivos será tida "moi en conta" na negociación do próximo convenio colectivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.