Por E.P. | Santiago de Compostela | 02/06/2022 | Actualizada ás 21:19
CGT denunciou este xoves que "a falta de persoal" tanto en Intervención como en condución e na venda de billetes, "segue deteriorando a calidade" que a empresa pública ferroviaria Renfe oferta en Galicia. Segundo traslada, nestes momentos "a falta de maquinistas evita pór máis trens en circulación".
Engade que, "mentres en case todo o Estado o número de trens é similar aos que había antes da pandemia, en Galicia aínda faltan por repor preto de 150 circulacións diarias", polo que esixe que sexan repostos.
"A maioría son trens que circulan polo rural, como a liña Vigo Guixar-Ourense-Monforte-A Rúa-O Barco-Ponferrada ou Ourense-O Carballiño por onde circulan tan só un tren de Media Distancia ao día, que pare nas diferentes estacións do seu percorrido", detallou.
"Tampouco se repuxeron os trens Vigo Guixar-Pontevedra, Vilagarcía-Santiago e Vigo Guixar-Tui/Valença do Minho, estes últimos especialmente utilizados no verán polos peregrinos que queren comezar na fronteira portuguesa o camiño de Santiago", engadiu.
O sindicato tamén sostén que "a falta de interventores a bordo dos trens está a xerar que estes circulen sen persoal a bordo que atenda os viaxeiros".
Como exemplo, sinala que en maio o tren rexional que cobre o traxecto Vigo Guixar-Ponferrada e Ponferrada-Vigo Guixar "circulou 14 días sen ningún interventor, polo que os usuarios viaxaron gratis neste percorrido", ademais de non poder recibir a correspondente atención os viaxeiros.
Tamén apunta que "a falta de persoal nos despachos de billetes de venda, xeran que tan só unha persoa quede vendendo billetes en estacións relevantes, ou reducindo os despachos de billetes abertos en Santiago e A Coruña, xerándose longas colas que en ocasións impiden que os usuarios e usuarias accedan ao tren con billete e teñan que desistir de viaxar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.