Rueda confía ao Xacobeo e o Camiño a saída da crise

O presidente da Xunta presentou a campaña turística 'Camiña a Galicia 2022'.

Por E.P. | Ourense | 04/06/2022 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou este xoves en Ourense o acto de presentación da campaña turística 'Camiña a Galicia 2022', coa que convidou a coñecer Galicia neste segundo Ano Xacobeo para consolidar a recuperación turística co impulso da alta velocidade e tamén dos visitantes internacionais. Para o mandatario, esta campaña aposta "polo mellor que ten Galicia, a súa propia terra".

Rueda presenta 'Camiña a Galicia'.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
Rueda presenta 'Camiña a Galicia'.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

"Ensínanos o mellor de Galicia no mellor momento para facelo e no máis necesario", dixo, enxalzando a oferta turística galega, con 900 praias, entre elas 112 con bandeiras azuis, e con 1.600 quilómetros de costa, "máis que a Comunidade Autónoma de Andalucía, aínda que pareza que non". Pero non só falou de costa, senón tamén das sete reservas da biosfera declaradas pola UNESCO, das 160 Festas de Interese Turístico, dos 380 bens de interese cultural, das 10 rutas xacobeas e, ao atoparse en Ourense, "da súa potencia termal, a segunda de toda Europa".

Con toda a enumeración da oferta turística galega, Alfonso Rueda destacou tamén a importancia da alta velocidade "que se suma a esta campaña cun comportamento turístico 22 puntos mellor que a media estatal". "Estamos a falar dun tren de oportunidades para a provincia, para Galicia e para o turismo", defendeu pedindo que o AVE, que polo momento só chega a Ourense, chegue a todas as cidades galegas.

Rueda afirmou que a Xunta segue traballando para que os datos de visitantes "alcancen novas marcas" e que, para hoxe mesmo, se esperaba a chegada do peregrino coa Compostela 100.000 a Santiago de Compostela.

Neste sentido dixo que, "co fin de impulsar a presenza de visitantes estranxeiros" en Galicia despois da pandemia e proxectar o Ano Santo "máis aló das nosas fronteiras", dirixiuse unha campaña internacional para "estender a invitación a países europeos, Estados Unidos ou Corea do Sur, porque os camiños galegos están abertos a todos".

Así pois a campaña terá maior incidencia nos meses de xuño e xullo e continuará o resto do ano "buscando afianzar o camiño como unha viaxe a ter en conta nesta década xacobea que se inaugura".

A campaña foi presentada cunha actuación de Xoel López quen pon a banda sonora ao proxecto ao que se engadiron novas historias de estranxeiros que realizan o Camiño de Santiago, así como "localizacións de argumentos que incrementan a proxección internacional de Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta