Formoso defende o compromiso do PSdeG para impulsar "o enorme potencial de Galicia na economía verde"

Cre que o país pode "coliderar na UE" as políticas neste campo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/06/2022 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, defendeu o compromiso dos socialistas para impulsar "o enorme potencial de Galicia no campo da economía verde".

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, participa nunha camiñada nas Fragas do Eume con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, participa nunha camiñada nas Fragas do Eume con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente | Fonte: PSdeG.

"O obxectivo é situar o noso país como referente neste ámbito a nivel estatal e tamén europeo", explicou Formoso este domingo nas Fragas do Eume, onde participou nunha camiñada para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente. Participaron tamén o secretario xeral provincial, Bernardo Fernández; así como alcaldes e representantes socialistas da zona.

O secretario xeral sinalou tamén que Galicia "ten moitos deberes pendentes" na materia tras o "letargo" que "deixan os 13 anos de Goberno do PP".

Advirte sobre isto que "as cifras e os datos son preocupantes". "Con máis de dous millóns de hectáreas de bosques e montes, Galicia é unha das comunidades con máis superficie forestal de España. A pesar disto, tan só o 12% da superficie forestal galega está ordenada, moi por baixo da media española, que se sitúa no 20%", explicou, tras o que sinalou ademais que estamos "á cola do Estado en superficie forestal protexida".

Critica que a Xunta continúa gastando máis en "apagar incendios que en ordenar o monte". A este respecto, Formoso proclamou que "Galicia gañará o futuro cando invista máis diñeiro no medio ambiente e ordenación forestal que en extinción de lumes".

Neste contexto, pediu "tomar conciencia da enorme potencialidade de recursos cos que conta Galicia no ámbito das enerxías renovables, no da economía verde ou no da economía circular".

Formoso está "convencido" de que Galicia ten a posibilidade de "coliderar na UE as políticas encamiñadas a desenvolver estes campos, xunto con grandes territorios máis modernos, avanzados e consolidados a nivel europeo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta