A Consellería de Emprego gastará 2,4 millóns en publicidade en plena crise, o salario de 108 persoas durante un ano

O obxectivo deste gasto público, segundo a Xunta, é sensibilizar á poboación galega, en xeral, "da importancia dos servizos públicos existentes en materia de emprego e igualdade".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/06/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Consellería de Emprego e Igualdade gastará 2,4 millóns de euros en publicidade nos medios galegos. Un gasto moi importante en propaganda en plena crise económica que suporía o salario de 108 persoas durante un ano se se ten en conta a Enquisa de Estrutura Salarial INE para 2021 que estipula en 22.177 euros o salario anual medio no conxunto do Estado.

Dúas persoas sentadas fronte a unha oficina do SEPE
Dúas persoas sentadas fronte a unha oficina do SEPE | Fonte: Marta Fernández Jara - Europa Press

No prego deste concurso, ao que tivo acceso Galicia Confidencial, Emprego xustifica este diñeiro público porque “pretende contribuír a que os cidadáns dispoñan da maior e mellor información posible" e que "se permita trasladar á cidadanía galega as novidades, as axudas e beneficios que se van producindo no período de execución dos programas de gasto da consellería".

Por iso, contrata un servizo para a execución dun plan de medios de ámbito galego para “trasladarlle ao conxunto da cidadanía galega” as iniciativas desta consellería. Un plan que comprende a realización dunha estratexia e plan de medios que inclúa reportaxes e publicidade nos medios de comunicación de Galicia.

Entre as actuacións a “publicitar” están programas en materia de fomento do emprego, actuacións en materia de formación para o emprego e orientación laboral, relacións laborais e políticas de conciliación e igualdade laboral, políticas en materia de promoción da igualdade e da corresponsabilidade e actuacións en materia de seguridade, hixiene e saúde laboral. 

A consellería, no prego das condicións ao que tivo acceso GC, insiste en que o obxectivo destas campañas é sensibilizar á poboación galega, en xeral, da importancia dos servizos públicos existentes en materia de emprego e igualdade. Están destinadas a unha poboación “de máis de 14 anos” e ao “grupo de idade e /ou sexo proposto polo adxudicatario”. Por iso, o departamento galego insiste en que as accións de comunicación “teñan unha maior efectividade no que se refire ao coñecemento dos servizos públicos, á necesidade do seu matemento entre todos e ás actuacións realizadas con fondos públicos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta