Pontevedra acolle un gran evento de transformación dixital no deporte con 60 líderes no eido

O II Galicia Sportech Congress celebrarase os días 13, 14 e 15 de xuño e pode seguirse de xeito online.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2022 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

Máis de 60 persoas expertas daranse cita no II Galicia Sportech Congress que se desenvolverá en Pontevedra durante os días 13, 14 e 15 de xuño. Trátase do maior evento de transformación dixital no deporte do noroeste peninsular. Organizado polas firmas Diesemm e HubIN en colaboración coa Concellería de Deportes e a Deputación Provincial, o congreso celebrarase na sede de Afundación (Augusto García Sánchez) e todas as sesións poderán seguirse en directo de xeito gratuíto, presencial ou online, a través desta páxina web mediante inscrición previa.

Presentación do II Galicia Sportech Congress no Concello de Pontevedra
Presentación do II Galicia Sportech Congress no Concello de Pontevedra | Fonte: Concello de Pontevedra

Entre os nomes que participan nesta segunda edición figuran perfís que están liderando a transformación da industria Sportech, como Rohn Maholtra (SportechX), Alex Zurita (London Sport), Guillermo Heredia (Hype), Ana Victoria (LaLigaTech), Marián Mouriño (GS360), Eduardo Valdés (SportBoost, aceleradora de Iker Casillas) ou os Hubs internacionais máis importantes.

O Congreso contará ademais coas testemuñas de deportistas profesionais como Teresa Portela e Antonio Serrat, que narrarán en primeira persoa como se apoian na innovación e a tecnoloxía para mellorar o seu rendemento, relacionarse cos seus fans e patrocinadores, e cos de presidentes e representantes de federacións, como Raúl Chapado. Así, segundo destaca o Concello nunha nota, entidades referentes de todos os deportes estarán representadas no evento.

Esta primeira edición presencial do Galicia Sportech Congress foi presentada este martes no Concello nun acto no que participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, e mais o CEO de Diesemm e director de desenvolvemento de negocio de HubIN, David Suárez, quen subliñou que o evento dispón dunhas 400 prazas presenciais e "nestes momentos xa hai máis de 2.000 rexistros para acceso remoto, uns 900 e pico de Latinoamérica".

"Poñen o seu foco en España, referente en Europa, e os rexistros alí son brutais. Queren saber moito sobre o que está a pasar aquí a nivel tecnolóxico. Vánselles presentar moitas startups. Portugal tamén ten moitos rexistros a día de hoxe, uns 200. Estamos moi ben situados a nivel estratéxico, no noroeste da Península, somos o punto máis próximo a Latinoamérica por idioma, por lazos tradicionais, téñennos como referente e nós a eles como un gran punto de expansión das nosas startups", explicou Suárez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta