A chegada do ferrocarril, a Restauración borbónica e a Transición centran o primeiro exame da ABAU en Galicia

12.661 estudantes participan na Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (EBAU) nos sete campus das tres universidades galegas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 07/06/2022 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

A industrialización e o impacto da chegada do ferrocarril, a Restauración borbónica e a Transición á democracia tras o fin da ditadura centraron o exame de Historia de España, que inaugurou este martes as probas da ABAU en Galicia.

Estudantes esperan antes de comezar as probas de acceso á universidade 2022, a 7 de xuño de 2022, en Santiago de Compostela
Estudantes esperan antes de comezar as probas de acceso á universidade 2022, a 7 de xuño de 2022, en Santiago de Compostela | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

O de Historia de España foi o primeiro dos exames ao que se tiveron que enfrontar os 12.661 alumnos anotados para participar na Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (EBAU) nos sete campus das tres universidades galegas.

Citados ás 09,00 horas nas 36 comisións que acollen as probas para a presentación, os alumnos que aspiran a ingresar no sistema universitario no próximo curso recibiron o exame de Historia de España ás 10,00 horas.

Esta proba divídese en catro preguntas que valen cinco puntos cada unha. O estudante debe contestar dous das catro: un apartado de definicións e desenvolvemento breve dun concepto, e tres composicións históricas en base a unha serie de textos.

Neste último, os temas propostos ao alumnado foron o proceso de industrialización vivido tras a chegada do ferrocarril a España no século XIX, o período de Restauración borbónica entre finais dese mesmo século e principios do XX e a Transición á democracia a partir do ano 1975.

Tras o de Historia, ás 12,00 horas foi a quenda da proba de Lingua Castelá e Literatura. Para a tarde do primeiro día da EBAU 2022 quedan os exames de Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais e Fundamentos da arte (15,30 horas) e os exames de Economía da empresa e Deseño (17,30 horas).

O mércores será o día con maior cantidade de probas, con Lingua Galega e Literatura (9,00 horas); Primeira Lingua Estranxeira (11,00); Matemáticas e Latín (13,00); Debuxo Técnico, Artes Escénicas e Segunda Lingua Estranxeira (16,00), e as probas de Química e Grego darán por finalizada a segunda xornada ás 18,00. Cada estudante examinarase dun máximo de cinco materias esta xornada.

A convocatoria ordinaria finalizará o xoves con Bioloxía e Historia da arte (9,00 horas); Física, Xeografía e Cultura Audiovisual (11,00), e as últimas probas corresponden ás materias de Xeoloxía e Historia da Filosofía, ás 13,00 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta