Evoluciona favorablemente na UCI a muller de Carballo agredida brutalmente pola súa parella

O home está investigado por homicidio en grao de tentativa.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/06/2022 | Actualizada ás 15:23

Comparte esta noticia

A muller de 43 anos de idade agredida o pasado 30 de maio supostamente pola súa parella no concello coruñés de Carballo evoluciona favorablemente na UCI. Así o informaron fontes sanitarias, que sinalaron que segue ingresada en UCI do Hospital Universitario A Coruña.

Concentración en Carballo en solidariedade cunha muller agredida brutalmente pola súa parella
Concentración en Carballo en solidariedade cunha muller agredida brutalmente pola súa parella | Fonte: Europa Press.

O Xulgado de Instrución número 1 de Carballo decretou o pasado mércores, 1 de xuño, o ingreso en prisión, comunicada e sen fianza, para a parella da agredida. O home foi detido tras entregarse á Garda Civil despois de fuxir do lugar dos feitos. Permanece investigado por homicidio en grao de tentativa, sen prexuízo de posteriores cualificacións conforme avance a instrución do caso.

A xuíza titular do Xulgado de Instrución número 1 de Carballo, que é o competente para asuntos de violencia sobre a muller no partido xudicial, tamén acordou unha orde de protección para a vítima e para os fillos da parella, o que implica que o home non pode aproximarse nin comunicarse con eles. Do mesmo xeito, suspendeulle o exercicio da patria potestade e a custodia dos menores, que será asumida en exclusiva pola nai.

Os feitos polos que se lle investiga sucederon sobre as 2,45 horas do pasado 30 de maio no lugar de Fonte Caldeira, en Carballo, onde unha testemuña atopou a muller na rúa tras ser agredida brutalmente e alertou á Benemérita.

Ao lugar o 061 enviou dúas ambulancias de soporte vital básico, persoal sanitario da PAC de Carballo e unha ambulancia de soporte vital avanzado, que, tras unha primeira asistencia no lugar, trasladou a muller ao Hospital A Coruña.

Pola súa banda, os dous fillos menores de idade da parella permanecen baixo custodia dun familiar directo da vítima, aseguraron por parte de fontes consultadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta