O xulgado ratifica que o Concello de Oleiros debe tapar os carteis coa imaxe da conselleira de Infraestruturas

Foron instalados na estrada autonómica AC-173, no Couto, coa imaxe de Ethel Vázquez a piques de ser atropelada.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/06/2022 | Actualizada ás 17:32

Comparte esta noticia

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 da Coruña confirmou a medida cautelar adoptada o pasado 2 de xuño na que acordou que o Concello de Oleiros cubrise os carteis instalados na estrada autonómica AC-173, no Couto, coa imaxe da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a piques de ser atropelada e os símbolos e iconografía da Xunta de Galicia.

Campaña do Concello de Oleiros para esixir melloras en materia de seguridade viaria
Campaña do Concello de Oleiros para esixir melloras en materia de seguridade viaria | Fonte: CONCELLO DE OLEIROS.

Fíxoo tras escoitar ás partes implicadas no procedemento, explica o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). No auto, contra o que cabe presentar recurso, o maxistrado indica que "non aparece como infundada" a imputación dunha vía de feito á administración demandada realizada pola Xunta.

E é que a administración autonómica alegou "ausencia de competencia algunha do Concello de Oleiros sobre a devandita infraestrutura", así como "a ausencia de calquera procedemento para a aprobación desa campaña institucional".

"Non aparece manifestamente infundada dita alegación porque, primeiro, é evidente que non se seguiu procedemento algún, polo menos non, desde logo, o preceptivo autorizatorio que impón o artigo 53 da Lei de Estradas de Galicia, norma de aplicación, atendendo á titularidade da vía".

"Sen que tampouco se alegue nin razoe o procedemento seguido para aprobar a campaña de publicidade institucional", sinala o maxistrado, quen indica que "non procede o exame" dos outros motivos alegados pola Xunta, pois "atenden ao fondo de litixio", polo que se examinarán na sentenza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta