Protestas dos traballadores do metal en diferentes polígonos na provincia da Coruña reclamando un convenio "digno"

Para a xornada de mañá mércores, están convocadas mobilizacións en Carballo, cunha manifestación ás 11,30 horas desde a rotonda do polígono de Bértoa; en Padrón, con outra ás 12,30 horas, con saída de Aluminios Cortizo, e un piquete informativo en Ferrol, desde o sete da mañá, cun percorrido polo polígono de Río do Pozo.

Por E.P. | A CORUÑA | 07/06/2022 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

Os e as traballadoras do sector do metal da provincia da Coruña secundaron protestas nos polígonos en demanda dun convenio "digno" no marco dunha nova xornada de folga, tras non alcanzarse un acordo coa patronal e a representación sindical, principalmente, sobre as demandas salariais.

Como nas xornadas anteriores, desde primeira hora da mañá os piquetes informativos percorreron os polígonos de Alvedro, Sabón e Agrela na comarca da Coruña; situáronse ás portas de Navantia Fene e Ferrol e percorreron o polígono da Gándara, mentres que en Compostela percorrían o polígono do Tambre.

No caso da Coruña, ademais, o piquete desprazouse en manifestación desde Agrela ata a sede da patronal ao berro de "convenio do metal solución" ou "se os prezos soben os salarios tamén".

A CIG-Industria calcula un seguimento da folga superior ao 80% naquelas empresas que contan con máis de 50 traballadores e un seguimento algo menor naquelas que teñen menos empregados, "aínda que nestes centros de traballo hoxe tamén aumentou a participación, dando boa conta de que a convocatoria de folga está consolidada", sinala nun comunicado.

Para a xornada de mañá mércores, están convocadas mobilizacións en Carballo, cunha manifestación ás 11,30 horas desde a rotonda do polígono de Bértoa; en Padrón, con outra ás 12,30 horas, con saída de Aluminios Cortizo, e un piquete informativo en Ferrol, desde o sete da mañá, cun percorrido polo polígono de Río do Pozo.

Protestas de traballadores do sector do metal na provincia da Coruña. CIG
Protestas de traballadores do sector do metal na provincia da Coruña. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta