Concentración de familiares do Pitanxo fronte ao Congreso para reclamar a Sánchez a baixada ao pecio

As familias "só" piden unha reunión de dez minutos para trasladarlle as súas reclamacións e avanzou que irán a Bruxelas proximamente para seguir esixindo que se baixe ao barco afundido.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2022 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

Familiares dos 21 mariñeiros falecidos no naufraxio do pesqueiro galego 'Villa de Pitanxo' concentráronse este mércores fronte ao Congreso, aproveitando a comparecencia do xefe do Executivo, Pedro Sánchez, sobre o Sahara Occidental, para reclamarlle unha reunión para falar sobre a posibilidade de baixar ao pecio.

Así o asegurou en declaracións aos medios de comunicación María José de Pazo, filla do maquinista do 'Villa de Pitanxo' e portavoz das 21 familias, que asegurou que "non hai fundamento nin técnico nin legal para denegar a operativa de baixar ao barco afundido".

"Pedimos moitas veces, chamamos a Gabinete de Presidencia para pedir que se nos reciba, porque sabemos que non se lles trasladou ben as nosas peticións. Sabemos que non hai fundamento, nin técnico nin legal, para denegar esta operativa de baixar ao barco (...) polo que queremos que sexa el quen nos tenda a man para chegar á conclusión de que se pode baixar ao barco", proclamou María José de Pazo.

Neste sentido, a portavoz das 21 familias asegurou que "só" piden unha reunión de dez minutos para trasladarlle as súas reclamacións e avanzou que irán a Bruxelas proximamente para seguir esixindo que se baixe ao barco afundido.

"HAI QUE INVESTIGAR"

Así mesmo, as familias explicaron que se insistiu ao principio no rastrexo superficial da zona por se existe algún corpo flotando que o arrastraron as correntes, aínda que agora reclaman que se investigue e que se teñan todas as probas que se poidan obter.

Neste contexto, a portavoz das familias afeou que "soamente fose o PSOE o que non secundou a petición de que se baixe ao pecio afundido", despois de que este martes a Comisión de Agricultura do Congreso votase unha iniciativa do PP para instar o Goberno a baixar ao Pitanxo, que saíu adiante cos votos a favor de todos os grupos e coa abstención dos socialistas.

Familiares de mariñeiros falecidos sosteñen pancartas e fotografías nunha concentración, ás portas do Congreso dos Deputados, a 8 de xuño de 2022, en Madrid (España). Os familiares das 21 vítimas do naufraxio do pesqueiro galego 'Vila d. Juan Barbosa - Europa Press
Familiares de mariñeiros falecidos sosteñen pancartas e fotografías nunha concentración, ás portas do Congreso dos Deputados, a 8 de xuño de 2022, en Madrid (España). Os familiares das 21 vítimas do naufraxio do pesqueiro galego 'Vila d. Juan Barbosa - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta