Pontevedra promove un evento que une videoxogos e cultura friki

'Lérez Up' ofrecerá unha serie de torneos competitivos de Smash Bros Ultimate, ademais de League of Legends, Valorant, Tekken, Guilty Gear ou Just Dance.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2022 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

O concelleiro de Mocidade e Novas Tecnoloxías do Concello de Pontevedra, Alberto Oubiña, presentou este mércores un evento que mesturará novas tecnoloxías, videoxogos, competición e lecer a distintos niveis, cunha idea clara de ofrecer "un espazo seguro e amable" para toda a mocidade "e tamén aos adultos" que gocen da "cultura friki".

O Recinto Feiral de Pontevedra acollerá os días 27 e 28 de agosto esta cita, que ten o nome de 'Lérez Up', e que organiza a asociación pontevedresa Gaming Troop, que vén traballando co Concello de Pontevedra ao longo dos últimos anos con distintas accións de divulgación, lecer e socialización.

Alberto Oubiña presentou este mércores a programación que xa está "pechada ao cento por cento", pero tamén avisou de que "na práctica o evento seguirá crecendo de aquí e ata o seu día".

'Lérez Up' ofrecerá unha serie de torneos competitivos de Smash Bros Ultimate, ademais de League of Legends, Valorant, Tekken, Guilty Gear ou Just Dance. Tamén haberá seccións de xogo libre e espazos para desenvolver outro tipo de actividades como un certame de cosplay, xogos ao aire libre, exposicións, conferencias e diferentes casetas relacionadas coa cultura friki.

Desde a asociación Gaming Troop, o seu representante, Sonia Piñeiro, recalcou a súa satisfacción pola cesión do Recinto Feiral para "poder ter un evento deste calibre". A agrupación local dispuña antes da pandemia un local propio ao que tiveron que renunciar por mor das medidas sanitarias tomadas durante a crise sanitaria.

A día de hoxe, as inscricións xa están abertas, e nalgúns campionatos, como é caso de Super Smash Bros. Ultimate, xa hai máis de 80 persoas anotadas. Este será o único dos torneos que conta cunha inscrición de pago.

Para inscribirse e participar é necesario facelo a través da plataforma Smash.gg antes de 20 de agosto. Estas entradas irán destinadas a custear os premios. De feito, o premio final estará composto polo bote recadado coas inscricións máis mil euros, que se dividirán entre os 8 primeiros clasificados, no caso do xogo individual.

Persoa xogando a un videoxogo
Persoa xogando a un videoxogo | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta