O sector da carpintaría demanda melloras salariais no convenio da Coruña

A CIG, CC.OO. e UGT levan as súas protestas ao polígono de Río do Pozo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2022 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

Ao redor de medio centenar de delegados sindicais de CIG, CC.OO. e UGT protagonizou no mediodía deste mércores unha concentración desde as 14,30 horas ante a sede da empresa Cándido Hermida, situada no polígono industrial de Río do Pozo, en Narón, para reclamar o desbloqueo das negociacións coa patronal polo novo convenio colectivo provincial na Coruña de carpintaría e ebanistería.

Trátase dunha nova mobilización tras as realizadas a finais de abril ante a sede de Inditex, no Polígono de Sabón, en Arteixo, por traballar moitas das empresas deste sector para a multinacional, ademais das realizadas en maio ante Malasa (Cerceda) e Ramón García (Ordes).

Tal e como apuntou o secretario de CIG-Construción e Madeira en Ferrol, Marcos Sánchez, este convenio "está caducado desde o ano 2019 e os traballadores teñen desde entón os salarios e as condicións laborais conxeladas", á vez que denunciou que "a patronal pretende rebaixar o poder adquisitivo, ao negarse a manter a cláusula de revisión salarial que está recollida no convenio desde 2014".

Segundo os sindicatos, a proposta económica "provocaría un empobrecemnto dos traballadores, pois ao non subir o IPC real cada ano, só en 2021 o persoal perdería xa o 3,4%".

PLUS

Sánchez detallou que existe "a negativa das empresas a aceptar a creación dun plus de quendas de 150 euros mensuais, que non ten xustificación ningunha porque a carga de traballo é tal que as compañías non dan atendido os pedidos".

É por iso que CIG, CC.OO. e UGT xa avanzaron que non asinarán o convenio "se non se garante o poder adquisitivo dos salarios dos aproximadamente 5.300 traballadores afectados por este convenio" e se non se establece o plus de quendas, como existe xa noutros convenios, e se regulan "as condicións do persoal que ten que desprazarse a montar as tendas de Inditex en diferentes lugares do mundo".

Concentración sindical do sector da carpintaría en Narón
Concentración sindical do sector da carpintaría en Narón | Fonte: arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta