Relacionan a presenza dunhas bacterias en augas termais de Galicia con efectos tóxicos para a saúde

Científicos detectaron cianobacterias nun terzo das fontes de augas mineromedicinais que analizaron. Cren que as toxinas que liberan estarían detrás das crises termais que padecen algunhas persoas que se someten a balneoterapia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/06/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As augas mineromedicinais, como axentes terapéuticos, poden provocar grandes beneficios para a nosa saúde, pero tamén trastornos nos pacientes, ben por erro de indicación, por unha dosificación inadecuada ou por efectos secundarios indesexables. Cando se producen reaccións adversas, fálase de crise termal nas persoas que se someteron a balneoterapia.

Auga quente procedente da xeotermia nas termas de Outariz, preto da cidade de Ourense
Auga quente procedente da xeotermia nas termas de Outariz, preto da cidade de Ourense | Fonte: galiciaunica.es

A chamada crise termal tamén se coñece como balneointoxicación, con síntomas como fatiga, dores, febre, trastornos dixestivos, diarrea ou reaccións cutáneas, entre outros

A crenoterapia, ou balneoterapia (aplicación terapéutica de augas mineromedicinais), pode, polo tanto, provocar respostas anormais que se inclúen na denominada crise termal, isto é, un cadro clínico inespecífico no que os síntomas adoitan ser, entre outros, malestar xeral, sensación de cansazo, dores de cabeza, musculares ou articulares, febre, trastornos dixestivos, náuseas e mesmo vómitos, alteracións do ritmo intestinal con diarrea nalgúns casos, reaccións cutáneas e, mesmo en ocasións, exacerbación da patoloxía que se quería tratar coas augas mineromedicinais; síntomas que poden combinarse entre si de forma variable. Pero, cal é a causa?

Detrás das crises termais, tamén coñecidas como balneointoxicacións, poderían estar as cianotoxinas, unhas toxinas producidas por un grupo de bacterias denominadas cianobacterias (antes coñecidas como algas verdeazuladas). Agora, un grupo de científicos vén de detectar a presenza de cianobacterias nun terzo das fontes de augas mineromedicinais de Galicia, e que relacionan coas crises termais que padecen algunhas persoas que se someten a tratamentos mineromedicinais.

Deseñado no Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, o estudo comprobou a hipotética implicación das toxinas producidas polas cianobacterias (cianotoxinas) no cadro clínico das chamadas crisis termais. Para isto, analizáronse 21 mostras de 18 fontes representativas das diferentes augas mineromedicinais en Galicia, maioritariamente sulfurosas, lixeiramente ou moderadamente mineralizadas, utilizadas para a balneoterapia, con características térmicas que oscilan entre augas frías de 15º C a 18º C; hipotermais de 25º C a 31,8 º C; mesotermais de 37º C a 40º C e hipertermais con temperaturas entre 41,1º C e 63,8º C.

Piscina termal As Burgas, Ourense
Piscina termal As Burgas, Ourense | Fonte: Farrangallo - Wikipedia.

Analizáronse 21 mostras de 18 fontes representativas das diferentes augas mineromedicinais en Galicia, maioritariamente sulfurosas

Os bioensaios realizados polos investigadores mostraron toxicidade nun terzo das fontes de augas mineromedicinais analizadas, o cal, din, “pode estar relacionado coa existencia de microcistinas e nodularinas, e mesmo con outros péptidos cianobacterianos detectados”.

Ademais, apuntan, “varias respostas observadas nas análises de toxicidade reflicten un patrón moi probablemente ligado a un tipo de resposta hormética” e “isto vese reforzado polo feito de que a crise termal adoita producirse entre o terceiro e o oitavo día de tratamento e raramente antes ou despois” (un contaminante ou toxina que produce o efecto da hormese ten o efecto contrario a doses baixas que a doses máis altas, de xeito que doses baixas provocan efectos favorables e doses altas provocan efectos adversos).

Como explican os científicos, “a balneoterapia pode provocar reaccións adversas ás doses habituais de aplicación dos tratamentos, que consiste nun cadro clínico inespecífico, a chamada crise termal ou balneointoxicación”. Pero “malia a súa similitude clínica coa observada nas intoxicacións agudas por cianotoxinas, a crise termal nunca se asociou co abundante crecemento de cianobacterias potencialmente tóxicas nas fontes de augas mineromedicinais”, engaden.  

“A frecuencia das crises termais depende da mineralización e a termalidade, pero nunca se asociou ao afloramento de cianobacterias”, indican.

Os científicos apuntan por primeira vez ás cianotoxinas producidas polas cianobacterias atopadas nestas fontes de augas como a posible causa da crise termal

De aí a importancia deste estudo realizado en Galicia, xa que se apunta por primeira vez ás cianotoxinas producidas polas cianobacterias atopadas nestas fontes de augas como a posible causa da crise termal que sofren algunhas persoas que se someten a tratamentos de balneoterapia: “Por primeira vez, as crises termais en balneoterapia están posiblemente asociadas á presenza de cianobacterias”, destacan os científicos sobre o seu traballo.

Os autores do estudo recordan que “o concepto de crise térmica, reacción termal, reacción ao baño ou balneointoxicación leva moito tempo sendo controvertido, e existe unha clara falta de consenso sobre o que se debe considerar unha crise termal e o seu significado”. Neste sentido, apuntan, “suponse que a frecuencia das crises termais depende da mineralización e da termalidade das fontes de auga”.

No caso da investigación realizada en Galicia, “as microcistinas detectadas non son as máis detectadas ou estudadas” na literatura científica existente até agora. “Desafortunadamente, non hai estándares para as cianotoxinas propostas e non se fixo a súa cuantificación. Tampouco hai estudos de toxicidade para estas microcistinas pouco habituais”, explican.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta