As trampas do PP para as eleccións municipais do ano que vén

Ao PP dóelle que en concellos coma Monforte, Ribadeo, Mondoñedo, Riotorto ou A Pobra do Brollón haxa alcaldes nacionalistas que loitan todos os días polo ben dos seus veciños e veciñas e quere evitalo cambiando a lei.

Por Antonio Veiga | Lugo | 04/08/2014

Comparte esta noticia
O PP está preparando un auténtico pucheirazo para as eleccións municipais do vindeiro ano coa súa proposta de que goberne a lista máis votada. O PP quere cambiar a lei en beneficio propio, non en beneficio da democracia nin da cidadanía, senón para blindar e perpetuar no poder aos seus alcaldes con independencia do que a xente vote. 
 
A proposta de verán de Rajoy de elección directa de alcalde, secundada en Galiza por Feijóo, implica a posta en marcha do modelo de alcalde-caudillo e a negación da pluralidade democrática coa intención de impoñer a ditadura da minoría fronte á maioría social que vota nas urnas a forzas políticas diferentes que poden pactar entre elas para gobernar un concello con total lexitimidade, porque esa é a base da democracia: o acordo. 
 
O PP quere lograr co BOE o que non consegue coas urnas. Ao PP dóelle que en concellos coma Monforte, Ribadeo, Mondoñedo, Riotorto ou A Pobra do Brollón haxa alcaldes nacionalistas que loitan todos os días polo ben dos seus veciños e veciñas, alcaldes do BNG que son un exemplo a seguir na comarca. Iso é o que lle doe ao PP e por iso quere facer trampa cambiando a lei para poder botalos, xa que doutro xeito non é capaz. 
 
O feito de que goberne a lista máis votada non aporta estabilidade, como di o PP, senón que en moitos casos crearía o contrario: inestabilidade e ingobernabilidade. Podemos poñer como exemplo a propia Deputación de Lugo, que, coa proposta do PP, estaría presidida por Elena Candia, pese a non ter no pleno a maioría necesaria para poder gobernar. A lista máis votada pode ser minoría, como sería este caso, xa que só conta con 12 dos 25 deputados provinciais. Con que apoios gobernaría Elena Candia ou con que apoios vai gobernar un alcalde que estea en minoría no pleno do seu Concello? A cidadanía elixe concelleiros e concelleiras e é o pleno o que elixe ao alcalde ou alcaldesa. Así funciona o sistema democrático nos Concellos, a non ser que o PP pretenda eliminar tamén os concelleiros e concelleiras e as súas funcións.
 
Os pactos democráticos e lexítimos entre distintas formacións para gobernar as institucións aportan estabilidade e pluralidade e evitan caudillos tipo Cacharro. Porque, se lle preguntaramos aos lucenses ou aos mariñáns e mariñás se prefiren o actual goberno de coalición da Deputación ou o que exerceu o PP durante décadas na institución provincial con Cacharro, cal sería a resposta? Penso que a cidadanía teno claro: o goberno de coalición na Deputación está funcionando ben e as maneiras distan moito das que exercía Cacharro, agora hai transparencia, diálogo, funcionamento democrático. Penso que ninguén pon en dúbida iso. 
 
Por iso, o que o PP propón é un ataque á democracia, reformar a Lei Electoral en beneficio propio, non en beneficio da cidadanía. Faino para seguir no poder, quere cambiar a lei para poder salvar da derrota segura a moitos dos seus alcaldes nas eleccións municipais do vindeiro ano, fai trampa á desesperada para iso, non para beneficiar á xente. É un ataque á democracia municipal no nivel máis próximo á veciñanza. 
 
E é criticable tamén o seguidismo que está a facer desta proposta de Rajoy o presidente da Xunta, o señor Feijóo, ou Feijóo VI O adiantado, porque abriu este camiño de atacar ao pluralismo en Galiza coa proposta de reducir o Parlamento Galego. Feijóo utiliza a crise como coartada para todo tipo de recortes, sociais, de servizos públicos, e tamén recortes na democracia, como a redución de deputados no Parlamento Galego ou esta da elección directa do alcalde da lista máis votada. A intención última do PP é a de eliminar a pluralidade política e camiñar cara un sistema de elección presidencialista. Porque se quixeran reforzar a democracia directa como din, reformarían a Lei Electoral para eliminar o sistema D’Hont que pervirte o sufraxio directo dos cidadáns beneficiando aos dous grandes partidos en detrimento da pluralidade política. Pero non o fan, senón todo o contrario. O PP quere disfrazar de democracia a ditadura que pretenden impoñer. 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA