O PPdeG insta o Goberno central a que amplíe o prazo para a implantación do colector marrón nos concellos

Prado empraza os socialistas galegos a que se sitúen "á beira dos concellos" e "non permanezan en silencio".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 10/06/2022 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, instou o Goberno central a que rectifique e amplíe o prazo para a implantación do colector marrón e emprazou aos socialistas galegos a que se sitúen "á beira dos concellos" e "non permanezan en silencio".

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado | Fonte: PPdeG.

A dirixente do PPdeG criticou a "contradición" que supón que a Unión Europea obrigue aos municipios a implantar a recollida separada dos biorresiduos co colector marrón antes do 31 de decembro de 2023, pero que o Goberno central, a través da nova Lei de Residuos, opte por rebaixar ese prazo ao 30 de xuño de 2022 para os de máis de 5.000 habitantes, é dicir, "dentro de 20 días".

"Mentres en toda Europa hai tempo suficiente para realizar este cambio, 113 concellos galegos terán un ano e medio menos", engadiu para sinalar que Galicia ten "un marrón" se Sánchez segue na Moncloa.

"Que non tenten enmascarar nunha lei as súas pretensións de botar balóns fóra, que sexan outros os que teñen a culpa e, de paso, que paguen por iso", dixo para sinalar que, nunha cuestión tan relevante como a xestión dos residuos, "volvésese demostrar que o Goberno de Sánchez necesita ser reciclado".

Paula Prado, que lembrou que a Xunta presentou alegacións ao anteproxecto de lei de residuos, explicou que, xunto cos concellos, o Goberno galego leva tempo incidindo en que estes prazos son inasumibles. Con todo, lamentou o Executivo central "fixese oídos xordos". "Sánchez vai en dirección contraria", apuntou.

Segundo indicou, o Executivo central parece "non coñecer a realidade municipal nin a necesidade dun período de adaptación, pois os concellos necesitan tempo, orzamento e a marxe que lles pon é inasumible". "De feito, non só adiantan o prazo, senón que pretenden sancionar os concellos con ata 100.000 euros se o incumpren: É moi do estilo de Sánchez: crear a súa propia norma e castigar a quen non a cumpra", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta