Galicia segue líder en vacinación pediátrica contra a covid-19

O 67,5 por cento da poboación diana ten a pauta completa, fronte ao 44,2% da media de España.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/06/2022 | Actualizada ás 16:32

Comparte esta noticia

Galicia mantense á cabeza da vacinación pediátrica contra a Covid-19 en España --de cinco a 12 anos--, co 67,5 por cento da súa poboación diana con pauta completa, fronte ao 44,2% da media de España. Así se reflicte nos datos actualizados este venres, 10 de xuño, polo Ministerio de Sanidade, con rexistros de vacinas ata o día 8 deste mes, que indican que recibiron a pauta completa 119.892 dos 177.577 nenos desas idades chamados a vacinarse, o que supón o 67,5 por cento.

A Galicia séguenlle con máis porcentaxe de poboación pediátrica co proceso finalizado contra a Covid-19 Estremadura (65,1%) e Asturias (61,7%).

Unha nena prepárase para ser vacinada contra a Covid-19 no recinto feiral de Expourense
Unha nena prepárase para ser vacinada contra a Covid-19 no recinto feiral de Expourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

O informe reflicte que con polo menos unha dose da vacina contra a Covid-19 en Galicia hai 137.580 nenos de cinco a 12 anos, que implican o 77,5 por cento, fronte á media estatal do 54,8%.

Precisamente, este venres, día 10 de xuño, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) convocou unha nova campaña para administrar primeiras e segundas doses a nenos de cinco a 11 anos en xornada de tarde.

Con respecto á vacinación dos maiores de 12 anos, do informe despréndese que 2.348.108 persoas da poboación diana de 2.456.127 en Galicia contan con pauta completa, o que supón o 95,6 por cento, fronte á media estatal do 92,7%.

Iso mantén a Galicia en segundo lugar en porcentaxe de poboación diana inmunizada, tras A Rioxa, que conta co 97,3%, mentres que despois colócase Estremadura, co 95,5%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta