Ana Pontón tras a xuntanza entre Rueda e Calviño: "As fotos e as boas palabras non xeran riqueza"

Critica a política lingüística da Xunta e lembra que o galegoé a única lingua do Estado que perde falantes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2022 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

A portavoz nacional, Ana Pontón, advertiu este sábado na Coruña da discriminación de Galicia na xestión e distribución dos fondos de recuperación económica Next Generation. A este respecto referiuse á reunión entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a vicepresidenta económica, Nadia Calviño, este venres en Santiago, "sen ningunha proposta ou compromiso concreto de investimento para o país, mentres se están coñecendo a implantación de proxectos estratéxicos --os Pertes-- noutros territorios do Estado".

"Estamos a ver que Galicia queda atrás e a reunión entre o señor Rueda e a señora Calviño foi unha confirmación, porque tras este encontro ao máximo nivel o resultado foi de cero euros para Galicia, nada de nada", lamentou Pontón, que insistiu en que "as fotos e as boas palabras non xeran riqueza, nin emprego e non a tapar a evidencia que Galicia está a ser discriminada na xestión dos fondos".

A nacionalista mostrou tamén a súa preocupación pola ausencia dunha estratexia para que os fondos cheguen á pequena e mediana empresa, "un tecido produtivo clave na creación de emprego e na dinamización económica". "Por contra o que estamos a ver é unha repartición entre grandes transnacionais, unha mala noticia para Galicia que, ademais, ten algo de fraudulento e repite os erros de 2008 cando ante a crise, optouse por salvar á banca, e agora queren salvar ás multinacionais", asegurou.

XORNADA SOBRE A LINGUA

Ana Pontón expresouse así este sábado na Coruña, onde asistiu a unha xornada sobre a situación do galego organizada polo BNG baixo o título 'Medre a lingua'. Alí reflexionaron sobre a situación do idioma ante a política lingüística do PP.

"Tras doce anos de aplicación do denominado decreto da vergoña, que converteron ao galego nunha lingua de segunda na educación con consecuencias nefastas, como desvelan os datos da Real Academia Galega e as estatísticas do IGE", explican.

Advirten de que o galego é a única lingua do Estado que perde falantes e de que a escola se converteu nun axente "desgalleguizador". Algo que, afirman, xa empeza na etapa infantil. "Un 24% dos nenos e nenas menores de 14 anos non saben falar galego e un 30% non é capaz de escribilo", comentou Pontón.

Ante isto, "un Goberno do BNG porá en marcha unha batería de medidas para reverter o proceso de perda de falantes, en particular das novas xeracións" Entre elas, a derrogación do decreto e "pór fin a disparates como a prohibición por lei de impartir en galego materias como matemáticas ou tecnoloxía, que si poden impartirse en francés, alemán, inglés ou castelán".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participa na Coruña nun acto da formación nacionalista sobre a lingua galega. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participa na Coruña nun acto da formación nacionalista sobre a lingua galega. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta