Formoso pide 140 millóns máis en atención primaria para "equiparar o investimento co resto do Estado"

Di que a crise do sistema" afecta a "todos os ámbitos da atención primaria".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2022 | Actualizada ás 17:42

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, pediulle este domingo ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que "asigne 140 millóns de euros adicionais" nos próximos orzamentos para "equiparar o investimento en atención primaria de Galicia co resto do Estado".

En declaracións aos medios no evento 'Primavera non Camiño Inglés', en Sigüeiro, Formoso emprazou ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a "ofrecer solucións ao colapso e saturación sanitaria de Galicia" na súa comparecencia no próximo Pleno do Parlamento.

O líder dos socialistas galegos detallou que "a crise do sistema" afecta a "todos os ámbitos da atención primaria", onde asegurou que "é difícil conseguir unha cita antes de 14 días", así como na atención hospitalaria, onde "as esperas para un diagnóstico de especialista prolónganse ata os sete ou oito meses". "Unha situación inédita no sistema sanitario galego", remarcou.

FONDOS EUROPEOS

Por outra banda, González Formoso defendeu que o Estado asignou a Galicia 1.600 millóns de euros dos fondos de recuperación europeos. Deste xeito, engadiu, Galicia é unha das comunidades "que máis diñeiro recibe de Europa a través do goberno do Estado".

Neste sentido, emprazou á Xunta a "liderar propostas e ser capaz de convencer aos promotores de empresas para que presenten proxectos sólidos e solventes, con recursos e soporte técnico" que permita a validación nas convocatorias de fondos de recuperación que convoque o Goberno.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en declaracións aos medios en Sigüeiro, Oroso.. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en declaracións aos medios en Sigüeiro, Oroso.. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta