Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2022 | Actualizada ás 13:20
Os xulgados galegos recibiron no primeiro trimestre deste ano 1.695 denuncias por violencia de xénero, un 18,2% máis que no mesmo período de 2021, cando se presentaron 1.434. A gran maioría (1.283) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima.
Segundo os datos feitos públicos este luns polo Observatorio contrala Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) e dos que informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), obsérvase tamén un aumento do número de mulleres que aparecen como vítimas, xa que no primeiro trimestre do ano en curso contabilizáronse 1.616, fronte ás 1.434 de 2021, o que supón unha subida do 12,7%.
Se se fai a comparativa co ano 2019 --previo á pandemia--, as denuncias descenderon e as vítimas aumentaron. Así, o primeiro trimestre do 2019 presentáronse 1.736 denuncias, un 2,4 % máis que no mesmo período de 2022. Con todo, contabilizáronse 1.520 vítimas, un 6,3 % menos que entre xaneiro e marzo deste ano.
Así mesmo, os distintos órganos xudiciais ditaron no primeiro trimestre 561 sentenzas, das cales o 84% --472-- foron condenatorias. Por outra banda, a taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) en Galicia situouse en 11,6, a segunda máis baixa do Estado --cuxa media foi de 16,7--, só por detrás da de Castela e León (10,6).
733% MÁIS DE SUSPENSIÓNS DO RÉXIME DE VISITAS
Tras a entrada en vigor da Lei Orgánica de protecciónintegral á infancia e a adolescencia fronte á violencia, as suspensións do réxime de visitas aumentaron un 733%. Así, entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo deste ano os órganos xudiciais galegos adoptaron 50 medidas consistentes na suspensión do réxime de visitas, mentres que no mesmo período de 2021 se atopaban seis.
En canto ás ordes de protección, durante ese tres meses solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller 452, un 21,8% máis que nas mesmas datas de 2021, cando se demandaron 371. Delas, foron acordadas 322 (o 71%), fronte ás 232 de 2021. Nos xulgados de garda sen competencia en violencia sobre a muller solicitáronse 116 ordes de protección, o que supón un aumento interanual do 27,5%.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.