Temas: PIB DéBEDA

Galicia reduce en máis de 400 millóns a débeda

Situouse en 11.314 millóns de euros ao peche do primeiro trimestre de 2022.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 14/06/2022 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

A débeda pública de Galicia sitúase en 11.314 millóns de euros ao peche do primeiro trimestre de 2022, o que supón unha redución de máis de 400 millóns en comparación co mesmo período de 2021, segundo os datos feitos públicos polo Banco de España este martes.

Diñeiro
Diñeiro | Fonte: Europa Press.

Ademais, tamén supón unha baixada de 400 millóns fronte aos 11.715 millóns de débeda cos que pechou 2021. A marca da débeda galega computouse no segundo trimestre de 2021, con 12.071 millóns.

Así mesmo, o cociente de débeda por PIB de Galicia baixou ao 17,4% no primeiro trimestre de 2022, un punto menos que ao termo de 2021 e 2,6 puntos menos que no primeiros tres meses do ano pasado.

Así, sitúase como terceira comunidade de réxime común con menor cociente débeda/PIB. A Xunta subliña que aumenta o diferencial positivo coa media das comunidades ata os 7,7 puntos, que está no 25,1%.

A Consellería de Facenda tamén valora que Galicia é a segunda autonomía con menor endebedamento por habitante, con 4.204 euros, por baixo da media de 6.568 euros.

"A redución do endebedamento nos últimos exercicios fai que Galicia estea nunha mellor posición financeira para responder as esixencias económicas derivadas dos efectos negativos do coronavirus e da alza de prezos", afirma o Goberno galego.

Temas: PIB DéBEDA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta