O servizo de xestión tributaria da Deputación de Pontevedra aumentou a súa recadación un 4%

Chega aos 135,9 millóns de euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2022 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este martes a Memoria do ano 2021 do Organismo de Xestión Tributaria e Catastral, coñecido como ORAL, que incrementou a súa recadación un 4% o ano pasado ata chegar aos 135,9 millóns de euros. A cifra supón 8,9 millóns de euros máis que no ano 2020.

A directora do ORAL, Inmaculada Viña, explicou que son xa 63 as entidades locais da provincia que teñen delegada a xestión tributaria neste organismo, o 88% dos concellos da provincia e o 94% dos de menos de 20.000 habitantes.

Carmela Silva destacou que o ORAL é "un elemento imprescindible da xestión tributaria na provincia" e que "os datos mostran o traballo ben feito", que nos últimos anos "mellorou en canto a recadación, atención á cidadanía, transformación dixital pero sobre todo no que respecta á alianza total, absoluta e de respecto aos concellos, que agora si coñecen a información real de xestión dos seus tributos".

A Memoria do ORAL recolle a loita contra a fraude fiscal no ámbito local, coa xestión de 1.411 expedientes en materia de inspección tributaria que permitiron regularizar 355 inmobles derivados da inspección catastral no 2021.

Tamén detalla que máis do 89% da xestión tributaria se leva a cabo a través do sistema de Padróns, xestionando 116,9 millóns de euros e recadando 107,4 millóns de euros que supoñen o 92,07% da xestión realizada, mellorando incluso os datos do pasado ano cando o porcentaxe se situaba no 89,44%.

En canto aos impostos máis coñecidos, no caso do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), ORAL recada máis dun 90% na metade dos concellos dos que ten a xestión, igual que no caso do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) no tres cuartas partes dos concellos.

Ademais, incrementáronse tamén as porcentaxes de recadación voluntaria con respecto a 2020 do IAE no 4%, do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) no 1,5% e en taxas máis dun 4%.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva | Fonte: Rafa Estévez - Deputación de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta