Regresa a MIT de Ribadavia co gallo de "resituar no centro o que se deixou nas marxes"

O festival oruensano estreará o Encontro Interxeracional de Artes Escénicas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2022 | Actualizada ás 20:14

Comparte esta noticia

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia recupera a súa "plena dimensión internacional" nesta nova edición número 38 que se celebrará do 15 ao 24 de xullo. Así, Ribadavia poñerá no centro a escena máis innovadora, con estreas de espectáculos multidisplinares e de gran formato no Castelo, íntimos na Igrexa da Madalena e máis festivos en sete diferentes localizacións nas rúas do Ribeiro.

Presentación do programa da MIT Ribadavia 2022
Presentación do programa da MIT Ribadavia 2022 | Fonte: remitida

Un programa de dez días que inclúe tres coproducións e 21 actuacións, entre as que destacan a estrea e presentación en Galicia do traballo de artistas internacionais de Perú, Portugal, México ou Mozambique, como a prestixiosa directora Chela de Ferrari ou a compañía portuguesa Nome Próprio (con Victor Hugo Pontes e Joana Craveiro).

Tamén se achegarán ao festival de teatro os cataláns Xavier Bobés e a compañía La Calòrica ou un dos espectáculos revelación da temporada, La infamia, a partir das memorias da periodista mexicana Lydia Cacho, unha comprometida activista que loitou contra a violación dos Dereitos Humanos no seu país.

A edición de 2022 tamén concede importancia á dramaturxia galega actual, con traballos destacados coma o de Esther Carrodeguas, que estreará  unha conferencia-espectáculo a partir da historia de violencia contra as mulleres rapadas do franquismo; ou Ernesto Is, que terá protagonismo con dous espectáculos e a presentación dun libro, o Premio Abrente da pasada edición.

"Resituar no centro o que tradicionalmente se deixou nas marxes". Ese é o reto da 38ª edición da MIT, que reúne un conxunto de espectáculos que abordan temas ou asuntos relacionados coa marxinación, as súas causas e consecuencias. Un claro exemplo disto é o espectáculo MARGEM, dos portugueses Nome Próprio e inspirado nas crianzas sen teito e no abandono que sofren os máis vulnerables en San Salvador de Bahía.

Estará igualmente sobre o escenario o espectáculo galego Demente, que aborda as enfermidades mentais dende a fusión de música, canto (con Aida Tarrío de Tanxugueiras en escena) e un suxerente deseño de indumentaria. Tamén o "estigma" sobre as persoas con Síndrome de Down terá oco na mostra, a través dunha versión libre de Hamlet que a directora peruana Chela de Ferrari realiza para ser protagonizado por persoas con Síndrome de Down. 

Ademais das novidades, o festival tamén procura ofrecer a continuidade de artistas, desta vez, coa revisita da compañía catalá José y sus hermanas. Tamén de Cataluña chegará La Calòrica cunha versión de Aristófanes, Las aves, unha farsa política desternillante, como a definiu a crítica. 

Presentacións de libros, foros despois de cada espectáculo, a terceira edición de 'A miña primeira MIT', o 1º Encontro interxeracional das Artes Escénicas de Galicia ou Residencias Artísticas completan un cartel que converterá Ribadavia na capital por excelencia do teatro en Galicia.

A reserva de abonos para todos os espectáculos do Castelo poderá realizarse entre o día 15 e o 30 de xuño e a partir do 1 de xullo poderanse mercar as entradas de todos os espectáculos na páxina web www.ataquilla.com ou na propia oficina do festival, na entrada da Praza Maior de Ribadavia. O prezo varía entre os 5 e os 10 euros. "Memoria, humor, beleza onde nos dixeron que non a atoparíamos, revelación, escena híbrida, queer, interxeracional, iso é o que guía a MIT 2022", sentenzan nun comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta