Sindicatos destacan que 136.000 autónomos galegos pagarán menos co novo sistema de cotización

Facilitará un aforro de entre 600 e 1.050 euros, segundo informaron centrais sindicais.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/06/2022 | Actualizada ás 15:19

Comparte esta noticia

Un total de 136.000 autónomos galegos pagarán menos de cota grazas ao novo sistema de cotización, que facilitará un aforro de entre 600 e 1.050 euros, segundo informaron centrais sindicais. O secretario xeral de UGT Galicia, José Antonio Gómez, e o presidente de UPTA, Eduardo Abad, compareceron este xoves en rolda de prensa para abordar a repercusión do novo sistema de cotización de autónomos, que modifica os tramos intermedios, rebaixa a cota para o primeiro tramo de rendementos netos inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional e incrementa "lixeiramente" o último tramo (máis de 4.050 euros).

Traballadores autónomos.
Traballadores autónomos.

Os dous coincidiron en apuntar que o sistema era "absolutamente perverso" e que non respondía a "ningún tipo de xustiza fiscal". "O que se busca é igualar en dereitos e obrigacións ao autónomos respecto do resto de traballadores", incidiu Gómez.

Este sistema, tal e como se publicou hai uns días, estará vixente entre 2023 e 2025 e establece que aqueles traballadores que teñan ingresos por baixo de 670 euros paguen unha cota de 245 euros, 15 euros menos que na proposta anterior, mentres que os que superen os 4.050 euros mensuais terán unha cota de 565 euros, o que supón un incremento de 15 euros máis respecto ao último documento.

"Hai que desterrar a palabra 'sablazo' aos autónomos, non o é. A patronal o que quere facer é torpedear a negociación; están a xogar ao agocho", asegurou Abad.

O presidente de UPTA defendeu que os cambios terán "efectos moi importantes en Galicia; sendo fundamental para 136.000 autónomos que van ver como se rebaixa a súa contribución". A este respecto, resaltou que Galicia presenta "un problema moi importante", o envellecemento, con moitos autónomos de máis de 60 anos con bases de cotización mínimas que necesitan complementos de mínimos por parte do Estado, e que se poderán beneficiar destes cambios.

Ademais de para autónomos, isto tamén aplicará para socios de sociedades. "Trátase, basicamente, de copiar o sistema dos traballadores por conta allea, que cotizan polo seu salario bruto", explicaron.

Outra das novidades será a distinción entre tres tipos de cesamentos de actividade distintos: sectorial (cando un sector, por algunha razón determinada, rexistra caídas de ingresos por motivos determinados); causas económicas salvables ("un autónomo que, cunha situación económica complexa, vai poder capitalizar o cesamento de actividade e recoller unha cantidade económica que vai poder investir en); e o xa anterior, causas económicas. As prestacións por cesamento serán do 50% da base de cotización.

Cambia tamén a tarifa plana, que será de 70 euros durante dous anos "a condición de que o autónomo non supere o SMI". Sobre isto, o líder de UPTA matizou que era, e é, necesario darlle "unha volta" ao concepto, xa que tal e como está, "supón un nefasto investimento por parte do Estado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta