Axudas directas a aluguer e incentivos de compra, primeiras medidas do plan de vivenda 2022-2025

O plan 2018-2021, con 112,6 millóns incluídos os fondos da pandemia, ten unha execución superior ao 95 por cento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2022 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

O Goberno galego autorizou este xoves a firma do convenio co Executivo central para a execución do plan para o acceso á vivenda 2022-2025, dotado dun orzamento plurianual de 106 millóns de euros.

Na comparecencia ante os medios posterior á reunión semanal do Consello, Alfonso Rueda explicou as primeiras medidas que se adoptarán en Galicia, xa no mes de xullo se é posible (tras a firma do convenio). Trátase das axudas directas ao aluguer, os incentivos para compra de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, o bono de aluguer social e as axudas a accesibilidade.

Entre todos os programas incluídos no novo plan, a Xunta seleccionou os sete que considera que mellor se axustan á situación e ás necesidades particulares da comunidade e que non interferen con outras liñas de carácter autonómico xa implantadas en Galicia, co fin de evitar "duplicidades".

A axuda ao aluguer conta cun orzamento asignado de 12,5 millóns de euros e están dirixidas ás persoas que non superen tres veces o Iprem (24.318,84 euros) e que paguen menos de 600 euros pola súa vivenda. As persoas beneficiarias teñen dereito a recibir estas subvencións por un prazo de cinco anos, unha novidade con respecto ao anterior (de tres anos). 

O titular do  Goberno galego, Alfonso Rueda Valenzuela, preside a reunión do  Consello da Xunta..  DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda Valenzuela, preside a reunión do Consello da Xunta.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA

A liña de axudas a vítimas de violencia de xénero, persoas obxecto de desafiuzamento da súa vivenda habitual, persoas sen fogar ou outras en especial vulnerabilidade, xestionarase a través do bono de aluguer social.

A convocatoria farase cun importe de 11,2 millóns de euros --suporá que Galicia xestione a través dunha única e nova prestación os dous bonos (aluguer social e bono para vítimas de violencia). Cunha duración de ata cinco anos e un importe que pode chegar ao 100 por cen da renda máxima fixada en cada localidade, esta liña vai dirixida a familias con ingresos iguais ou inferiores a 1,5 veces o Iprem ponderado (11.862,9 euros), ampliables segundo situacións.

O terceiro programa que se prevé convocar en xullo son as axudas para xente nova, co fin de contribuír ás medidas do reto demográfico. Neste caso, son incetivos para menores de 35 anos que compren vivenda en poboacións de menos de 10.000 habitantes e con axudas de ata 10.800 euros. Adicionalmente, o programa de mellora da accesibilidade poñerá a disposición das persoas propietarias 3,9 millóns de euros para axudar a subvencionar obras e actuacións que fagan máis accesibles os inmobles, incluíndo unifamiliares e edificios residenciais colectivos. Neste caso, poderán cubrir o 60 por cento do custo dos traballos, cun límite de 20.000 euros.

OUTRO TRES PROGRAMAS

En canto aos tres programas restantes, dous deles convocaranse por primeira vez, previsiblemente en decembro. Por unha banda, van dirixidos a promover aloxamentos ou vivendas para persoas maiores ou con algunha discapacidade, cun orzamento de 4 millóns. Por outro, ao fomento de solucións residenciais como cooperativas interxeneracionais, cohousing ou aloxamentos temporais e similares, cunha liña de incentivos de 8,3 millóns de euros.

Finalmente, atópase o programa de incremento de parque público de vivendas, como explicou o presidente da Xunta. Neste caso non require convocatoria e trátase de 8,3 millóns de euros que se destinarán ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para que compre inmobles que xa ten cedidos por parte de Abanca e da Sareb, para o que será necesario asinar un convenio previo con estas entidades. De feito, está previsto que en outubro se poidan incorporar estas vivendas ao parque público residencial. 

O plan vivenda 2018-2021 contou cun orzamento de 112,6 millóns de euros, incluíndo os fondos adicionais da pandemia. Nestes momentos, segundo datos da Xunta, o grao de execución en Galicia será superior ao 95 por cento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta