O PPdeG pide transferir as competencias costeiras: "Non é un capricho, é un dereito"

Paula Prado avanza que presentarán unha moción nos concellos galegos do PP para demandar ao Goberno central estas competencias.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2022 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, volveu insistir en demandar ao Goberno central a transferencia das competencias en materia de dominio público marítimo-terrestre para Galicia, algo que, ao seu xuízo, "non é un capricho, é un dereito". Así, Paula Prado reiterou que a cidadanía galega non quere un "xa veremos", mentres "outras comunidades xa están a gozar desta xestión". Ademais, engadiu que é unha petición "necesaria e fundamentada", xa que Galicia "é a comunidade con máis quilómetros de costa" e é "un territorio cunha vinculación especial" en materias marítimas.

En declaracións aos medios tras unha reunión que mantivo este venres con alcaldes das tres provincias costeiras galegas --o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, o alcalde de Porto do Son, Luís Oujo, e o rexedor do Vicedo, Jesús Novo--, Prado defendeu que a transferencia permitiría a Galicia "xestionar as autorizacións e concesións no dominio publico marítimo-terrestre" e "simplificaría os trámites, polo que se evitaría a duplicidade de administracións". En todo caso, afirmou que, "sobre todo", "evitaríanse os constantes ataques que levan sufrindo meses as construcións do litoral galego".

Neste sentido, criticou que "non ten sentido que quen mellor sabe xestionar o litoral, non conte con ferramentas para facelo", en referencia á "Xunta e os concellos". "82 concellos do litoral teñen o mar na porta de casa, pero ven como a súa costa se dirixe desde un despacho en Madrid", censurou.

Por iso, anunciou que en cada pleno dos concellos galegos nos que goberna o PP, presentarán unha moción para "instar o Goberno central a transferir canto antes á Xunta a xestión de todas as competencias en materia de dominio público marítimo-terrestre". "Non queremos que a nosa costa sexa un xoguete roto en mans de Sánchez", insistiu. Así mesmo, indicou que a Xunta "ten argumentos suficientes" para defender que "non é necesaria a reforma" do Estatuto de Autonomía "se o Goberno central quixese". "Mañá mesmo poderíanse iniciar as negociacións", remarcou.

PIDE Ao PSDEG QUE "SE ACLAREN"

Nesta mesma liña, Paula Prado censurou que "o PSdeG non se aclara". Así, xustificou esta afirmación sinalando que, mentres o delegado do Goberno, José Miñones, "se guía por Madrid", a deputada socialista Patricia Otero "di que hai vías legais sen modificar a normativa autonómica". "O primeiro é que se aclaren os do PSOE e deixen de enganar aos galegos", manifestou. Así mesmo, criticou que tanto BNG como PSdeG "presumen de defender a terra", pero "sempre se amedrentan ante o Goberno central".

Por outra banda, sinalou que este tema tamén debería protagonizar a reunión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, con Pedro Sánchez. Unha reunión, engadiu, pola que seguen esperando e que "está a supor un desprezo á Xunta e a todos os galegos", a pesar de que "xa pasou máis dun mes desde a toma de posesión de Rueda". "Oxalá non se repitan os dous anos e medio que tardou en recibir a Juanma Moreno", sentenciou.

OS ALCALDES, PREOCUPADOS

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, que exerceu como portavoz dos rexedores municipais, mostrou a súa preocupación por este tema, en concreto, pola "incerteza" que asegura viven moitos traballadores que teñen o seu emprego vinculado a zonas de marítimo-terrestre.

Neste sentido, desexou que o Goberno central "faga o que se fixo noutras comunidades como Cataluña, Andalucía ou o País Vasco" e insistiu na preocupación dos alcaldes "dos 82 concellos da costa galega". "Non podemos seguir así nin un minuto máis. A incerteza xera moita preocupación", reiterou.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado / PPdeG. / Europa Press
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado / PPdeG. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta