A conselleira de Mar só pide "prudencia" logo do enfrontamento entre mariscadores en Rianxo

Confirma que os sobreviventes dos accidentes de Seychelles están "todos ben" e trabállase na repatriación dos falecidos.

Por E.P. | VIGO | 17/06/2022 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, fixo este venres unha chamada á "prudencia" tras producirse un enfrontamento entre mariscadores a pé e a boia en Rianxo, por un "problema interno da confraría", aínda que engadiu que "non é lóxico que haxa unha invasión de zonas de traballo".

Así se pronunciou a conselleira a preguntas dos medios sobre o incidente vivido este xoves en Rianxo, con acusacións cruzadas de mariscadoras a pé e mariscadores á boia sobre a "invasión" das súas respectivas zonas de traballo.

"Cada un ten que respectar a súa zona de traballo", apuntou Rosa Quintana, quen engadiu que o servizo de Gardacostas está dispoñible para "botar unha man" e facilitar o diálogo entre os mariscadores; mesmo, se fose necesario, volver sinalizar "esas zonas de marisqueo".

A conselleira lembrou que cada colectivo sabe cal é a zona onde pode faenar e "cada un ten que coidar o seu". Así mesmo, lamentou que escenas como as vividas este xoves dan "unha mala imaxe do sector".

ACCIDENTE EN SEYCHELLES

Por outra banda, e preguntada achega do accidente ocorrido nun atuneiro vigués que estaba en reparacións nun porto en Seychelles, onde faleceron dous mariñeiros galegos como consecuencia dunha fuga de amoníaco, a conselleira explicou que o goberno galego está en contacto coa Embaixada de España en Etiopía (que é a que ten funcións diplomáticas en Seychelles).

Así, as autoridades diplomáticas confirmaron que "están a traballar para acelerar a repatriación" dos falecidos, aínda que se trata dun trámite complexo porque "hai un procedemento local e un procedemento internacional".

Con respecto aos mariñeiros feridos, confirmou que "ningún corre risco" e que só un deles tivo que regresar ao hospital por un problema respiratorio. "Pero os sobreviventes están todos ben", abundou.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, no Parlamento. XOÁN CRESPO
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, no Parlamento. XOÁN CRESPO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta