Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2022 | Actualizada ás 17:51
Tres homes foron detidos como presuntos autores dun delito de homicidio imprudente e outro de omisión do deber no marco da operación A Esmorga. O Equipo de Delitos contra as Persoas da Unidade Orgánica de Policía Xudicial (UOPJ) da Garda Civil da Coruña foi o encargado das detencións, segundo explicaron nun comunicado.
A investigación iniciouse o 14 de novembro do pasado ano, cando se tivo coñecemento que unha veciña de Mazaricos encontrara o cadáver dun home veciño dese municipio, nunha pista de terra, aunos 700 metros do lugar de Atán.
A pesar de que o cadáver non presentaba signos aparentes de violencia, a Garda Civil iniciou unha investigación para tentar esclarecer a causa do falecemento.
Mediante a reconstrución das súas últimas horas de vida, logrou determinar que estivera en casa dun dos detidos no lugar de Atán pouco tempo antes de aparecer o seu cadáver. A investigación centrouse nun primeiro momento neste individuo e conforme foi avanzando, en tres dos seus amigos, cos que pasara unha noite de festa.
As sospeitas dos investigadores, que apuntaban a que nese intervalo de tempo tiña que suceder algo relacionado co seu falecemento, confirmáronse ao coñecer os resultados do informe toxicolóxico, que acreditaba a presenza dunha gran cantidade de alcol no seu organismo; a causa principal da morte.
A investigación, indican, permitiu demostrar que cando a vítima saíu do seu domicilio na mañá dese día, foi camiñando cara á localidade da Picota. Antes de chegar ao seu destino cruzouse co vehículo en que viaxaban os agora detidos, que regresaban á casa dun deles tras unha noite de festa. Recollérono e fóronse xuntos á casa.
Unha vez alí servíronlle unha gran cantidade de bebidas alcohólicas de alta gradación, que bebeu de forma inxente e continuada. A súa incapacidade, apuntan, impedíalle ser consciente dos seus actos e as consecuencias que tal inxesta podería ter, ata o punto de provocar nun primeiro momento o seu desmaio e posteriormente a súa morte.
Descoñecen se xa se atopaba falecido ou moribundo, pero todo indica que instantes despois, e utilizando o mesmo vehículo, o corpo foi trasladado e arroxado ao lugar onde acabou atopándoo a veciña. Os detidos, xunto coas actuacións realizadas e efectosaprehendidos, foron postos a disposición do Xulgado de InstrucciónNúmero Un de Muros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.