Santiago de Compostela contratará de maneira temporal 20 persoas grazas a unha subvención da Xunta

O executivo municipal tamén tomou coñecemento da firma do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia para sufragar os gastos derivados da súa condición de capital da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2022 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago contratará, durante nove meses, a 20 persoas desempregadas grazas a unha subvención da Xefatura Territorial da Consellería de Promoción do Emprego por importe de 260.854,92 euros.

Así o acordou este luns a Xunta de Goberno local, un encontro no que tamén se deu conta da achega da Xunta para a capitalidade, que é de 2.392.425 euros; e aprobouse o procedemento de concesión de subvencións á rehabilitación ao amparo do Plan Estatal de Vivenda 2013-2016 correspondentes ás Fases 1 da área de rexeneración e renovación urbana do barrio de Vite. A esta convocatoria destinaranse 298.264.96 euros.

En canto á contratación de Emprego, os destinatarios serán unha persoa para apoio técnico administrativo, catro persoas de apoio administrativo, catro persoas de apoio auxiliar administrativo, catro persoas de apoio na atención ao público e sete oficiais de obras. Os contratos terán unha duración de nove meses e, segundo a proposta aprobada polo goberno municipal, a contratación terá que realizarse, como data máxima, o 1 de xullo de 2022.

Por outra banda, o executivo municipal tamén tomou coñecemento da firma do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia para sufragar os gastos derivados da súa condición de capital da Comunidade Autónoma de Galicia. O goberno galego, a través da Consellería de Facenda e Administración Pública, estableceu para 2022 unha dotación específica para o concello de Santiago por un importe de 2.392.425 euros.

Noutra orde de cousas, tamén se aprobou a apertura do procedemento de adxudicación, mediante tramitación común, do expediente denominado 'Servizo de xerencia do Plan de Desenvolvemento Turístico Sustentable', establecéndose un tipo de licitación de 145.552,93 euros; e aprobouse o 'V Plan Municipal de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela (2022-2025)', que está previsto presentar proximamente en rolda de prensa.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo | Fonte: Concello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta