Luís López presenta 2.363 avais para presidir o PP da provincia de Pontevedra

Para Luís López este número de avais supón "un éxito colectivo do proxecto do PP na provincia", e como cabeza visible asegurou sentirse "enormemente responsabilizado" coas 61 agrupacións locais e con todos os afiliados do PP.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2022 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra e candidato a presidir o Partido Popular na provincia, Luís López, entregou este luns á Comisión Organizadora do Congreso o apoio de 2.363 afiliados á súa candidatura.

Tras entregar estes avais, López expresou o seu agradecemento por estes apoios que interpreta como "unha mostra de agarimo enorme". "Non tanto cara á miña persoa, senón como un xesto de apoio inmenso para o proxecto e para a toda a xente que conforma o PP en Pontevedra", abundou.

Para Luís López este número de avais supón "un éxito colectivo do proxecto do PP na provincia", e como cabeza visible asegurou sentirse "enormemente responsabilizado" coas 61 agrupacións locais e con todos os afiliados do PP.

Nesta liña, subliñou que asumirá "o reto cunha gran responsabilidade, con total humildade, cun enorme compromiso de traballo e cunha aposta irrenunciable pola unidade".

Unha vez entregados os apoios, a Comisión Organizadora do Congreso comprobará que estes cumpren os requisitos e confirmará a proclamación de Luís López como candidato. A partir dese momento, este comezará unha campaña electoral interna, entre o 22 e o 29 de xuño, coa que percorrerá todas as comarcas da provincia para "explicarlle aos militantes" a súa "visión do partido" e "proxecto continuador para a provincia".

"Os matices que quero introducir e ofrecerlles o meu apoio para que afronten, nas mellores condicións, as decisivas eleccións municipais do ano próximo", explicou.

"MOITA CONTINUIDADE"

Aos compañeiros das agrupacións locais prometeu darlles "toda a dedicación e o máximo apoio", pero tamén lles vai a pedir "un traballo incansable a pé de rúa, un traballo de estar coa xente, cos veciños, para escoitalos, atendelos e axudalos".

En canto á candidatura que presentará ao congreso, anunciou que comezará a conformala "de maneira inminente". Aínda que, xa adiantou que o equipo de Alfonso Rueda, do que el era secretario xeral, considérao "como propio", polo que, subliñou, "loxicamente vai haber moita continuidade".

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra e candidato a presidir o Partido Popular na provincia, Luís López.. PP DE PONTEVEDRA.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra e candidato a presidir o Partido Popular na provincia, Luís López.. PP DE PONTEVEDRA. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta