Estes son os perfís laborais máis difíciles de cubrir en Galicia

O 64% das persoas expertas enquisadas por Adecco consideran os mecánicos e axustadores de maquinaria e os traballadores especializados en electricidade e electrotecnoloxía como perfís de difícil cobertura.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/06/2022 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

A hostalaría, as actividades das sedes centrais e o comercio e vendas foron os perfís máis difíciles de cubrir en Galicia durante o mes de maio de 2022, segundo unha enquisa realizada polo centro de estudos do grupo Adecco entre máis de 27.000 empresas representativas do mercado laboral español.

En concreto, o informe 'Necesidades do mercado de traballo' sinala que a día de hoxe existe unha importante porcentaxe de ofertas que quedan sen cubrir ou que son de difícil cobertura no mercado laboral. Do total de ofertas de difícil cobertura en Galicia no quinto mes do ano, estas repartíronse de forma equitativa (25%) entre os citados sectores.

Así mesmo, se se ten en conta a clasificación que se contempla no Catálogo Nacional de Ocupacións que edita o Instituto Nacional de Estatística, o 64% das persoas expertas enquisadas polo Adecco Group Institute en Galicia consideran os mecánicos e axustadores de maquinaria e os traballadores especializados en electricidade e electrotecnoloxía como perfís de difícil cobertura.

"BAILE DE CIFRAS" E SOLUCIÓNS "VARIADAS" AO PROBLEMA DE VACANTES

O director do centro de estudos de Adecco, Javier Blasco, sinalou que desde hai semanas, ao falar da problemática das vacantes laborais en España, está a producirse un "baile de cifras".

Segundo datos de Eurostat, España é o estado con menor porcentaxe de empregos vacantes (0,7%) fronte á eurozona (3,1%). "Esta cifra podería aliviarnos, polo menos na comparativa da escaseza de talento, se non tivésemos en conta que un de cada cinco desempregados da Unión Europea reside no Estado. É dicir, que a nosa patoloxía difire ostensiblemente da dos nosos veciños", apuntou Blasco.

Na súa opinión, un dos moitos "nós" que hai que solucionar é como maximizar a ocupación e a xeración de riqueza, potenciar sectores e profesións de valor, garantir a formación continua en competencias técnicas e en habilidades, mellorar os cocientes de produtividade, motivar a quen non estuda nin traballa e asegurar a oferta de profesionais que en cada momento demanda o mercado de traballo.

"Detrás deste longo etcétera de propósitos escóndense enormes desaxustes en sectores, territorios, titulacións, ocupacións, habilidades, propósitos e novos bailes de cifras que nos deben levar á reflexión: 110.000 vacantes segundo o Consello Económico e Social, das que 20.000 corresponden ao sector transporte, 30.000 na construción e 50.000 ao emprego público", afirmou Blasco.

Para o director do centro de estudos de Adecco, as posibles solucións ao problema das vacantes en España son "variadas". Ao seu xuízo, aínda que se fale de pagar máis para atraer profesionais, os baixos salarios "non sempre son culpables das vacantes". "Tampouco hai candidatos para postos de traballo na industria ou a construción con salarios ao redor dos 40.000 euros/ano. Noutros, teremos que centrarnos en como conseguir talento fóra do noso país", subliña.

Arquivo - Un home na barra dun bar coruñés. M. Dylan - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Un home na barra dun bar coruñés. M. Dylan - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta