O Camiño do Bispo une a concellos de Lugo e A Coruña para que sexa declarado ruta xacobea

O acordo busca a colaboración entre todos os concellos para buscar o recoñecemento do itinerario como camiño cultural nunha primeira fase, e como Camiño de Santiago como obxectivo último.

Por E.P. | Neda | 21/06/2022 | Actualizada ás 20:57

Comparte esta noticia

Os alcaldes do sete concellos polos que discorre o Camiño do Bispo, catro lucenses (Mondoñedo, Abadín, Muras e Xermade) e tres coruñeses (As Pontes, San Sadurniño e Neda), asinaron neste último municipio na tarde deste martes, 21 de xuño, un convenio de colaboración para potenciar e conservar este Camiño Real entre Mondoñedo e Ferrol, e que é ademais ruta de conexión entre os camiños francés e inglés.

Dito acordo busca a colaboración entre todos os concellos para buscar o recoñecemento do itinerario como camiño cultural nunha primeira fase, e como Camiño de Santiago como obxectivo último.

O acto desenvolveuse na Casa das Palmeiras e no mesmo déronse cita José María López (alcalde de Abadín); Valentín González Formoso (As Pontes); Manuel Anxo Otero (Mondoñedo); Manuel Requeijo (Muras); Anxo Alvariño (Neda); Secundino García (San Sadurniño) e Roberto García (Xermade).

O acordo chega despois da concesión da Compostela por parte do coengo delegado de Peregrinacións do Cabildo da Catedral de Santiago.

PATRIMONIO

Con este acordo o que se busca é a protección e posta en valor en relación aos elementos do patrimonio cultural, tanto materiais e inmateriais, e do patrimonio natural existentes ao longo desta vía.

A través do citado convenio, o sete concellos comprométense a presentar a candidatura do Camiño do Bispo para a súa inclusión no rexistro de Camiños Culturais da Consellería de Cultura, previa elaboración dos estudos da traza histórica de cada municipio.

Esa declaración, xunto ao recoñecemento eclesiástico xa logrado, abriría as portas á consideración do Camiño Real como ruta xacobea. Así mesmo, levarán a cabo traballos de conservación e mellora do trazado, ademais dunha maior difusión do itinerario, con mencións específicas nas webs municipais ou redes sociais.

O convenio, cunha vixencia de catro anos prorrogables por outros dous, contempla tamén a posta en marcha dunha comisión de seguimento, vixilancia e control do convenio, que integrará unha persoa representante de cada concello.

Fonte inaugurada en Santiago de Compostela, no Camiño Inglés, dentro do proxecto Life Water Way
Fonte inaugurada en Santiago de Compostela, no Camiño Inglés, dentro do proxecto Life Water Way | Fonte: C0nchi Paz - Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta