Rueda insiste que o problema da sanidade en Galicia é que "non hai recursos humanos"

Evita entrar na polémica dos salarios dos profesionias: "Debatir sobre isto leva a poucos sitios".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/06/2022 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

"Falta de recursos humanos", "problema de recursos humanos", "non hai profesionais"... Foron algúns dos argumentos máis utilizados, novamente, polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para dar resposta os numerosos problemas que existen na sanidade pública de Galicia, nomeadamente na Atención Primaria e as Urxencias.

Centro de saúde de Galicia con profesionais de Atención Primaria en folga. REMITIDA - Arquivo
Centro de saúde de Galicia con profesionais de Atención Primaria en folga. REMITIDA - Arquivo

"Faltan profesionais e o problema é de recursos humanos, non de recursos económicos", repetiu na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves logo dunha semana na que foi duramente criticado por dicir que a media de salario dun médico de Atención Primaria é de 65.000 euros anuais. Por iso, desta volta, evitou a polémica e zanxou: "debatir sobre isto leva a poucos sitios".

"Si fora por cartos o problema xa estaría solucionado", manifestou ao insistir en que hai 380 millóns máis na sanidade pública galega que no 2009, último ano do bipartito. Con todo, evitou entrar tamén na negociación entre Sergas e sindicatos xa que estes piden un plus de 12.000 euros máis ao ano e a Xunta ofrece 10.000. "O que buscamos é unha medida eficaz e consensuada", dixo

Preguntado sobre a falta de médicas e enfermeiros en verán, Rueda recoñeceu que a situación é "complicada". "Por iso traballamos para que sexa posible que a asitencia sanitaria quede garantida, pero é lóxico que nesta época a xente queira coller vacacións e haxa menos persoal", afirmou.

INCREMENTO RETRIBUTIVO


Rueda tamén volveu defender o incremento retributivo a médicos para "recoñecer o esforzo" que realizan co fin de paliar o déficit destes profesionais en varias categorías.

Así o manifestou, a preguntas dos medios na comparecencia de prensa tras a reunión do Consello da Xunta deste xoves, na que Rueda explicou que o "obxectivo" do Goberno galego "é que todos os profesionais médicos cobren o que merecen". "Para iso estamos a traballar", insistiu, para incidir en que "o principal" radica en que "falta persoal médico".

O titular da Xunta resaltou en que "se fose problema de diñeiro", como repetiu tanto el como o conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, en varias ocasións, "estaría solucionado". "O problema é que non aparecen profesionais", reiterou.

Por iso, o mandatario autonómico explicou que "mentres se produce esa falta de persoas", o que tenta a Xunta "coas retribucións é recoñecer o traballo o esforzo a maiores que teñen que facer os médicos de Atención Primaria. Deste xeito, expuxo o Sergas "o incremento de 10.000 euros" anual, fronte ao que os sindicatos reclaman 12.000 --mil mensuais-- para médicos en centros de saúde con prazas de difícil cobertura sen profesional.

"Oxalá fose un tema económico e non de falta de recursos humanos", recalcou Alfonso Rueda, quen admitiu que espera un verán "complicado" en Atención Primaria, debido á falta de persoal, xunto ás vacacións e a afluencia turística a algunhas zonas.

"Sempre é obrigación de todas as administracións que teñen responsabilidades facer o posible para que quede garantida a atención sanitaria", comentou, para insistir en que "iso non obvia que os meses de verán sexan tamén complicados".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta