Por E.P. | A Coruña | 23/06/2022 | Actualizada ás 18:10
O pleno da Deputación da Coruña aprobou este xoves en pleno, por unanimidade de todos os grupos políticos, o Plan Único 2022, que este ano investirá 87,9 millóns de euros nos 93 concellos da provincia.
Trátase dun plan de obras e servizos que, ademais, permite que os concellos decidan o destino de fondos en función das súas necesidades: obras e investimentos, mantemento de servizos públicos esenciais, gasto corrente, redución da débeda ou mantemento de servizos e axudas sociais.
No destino dos fondos aprobados no pleno figuran un total de 23,3 millóns para o financiamento de 260 obras na totalidade dos concellos da provincia; 14,5 millóns ao financiamento de gasto corrente en 77; sete millóns para gastos sociais e 252.000 euros para redución de débeda en 15 concellos.
Ademais, deuse luz verde aos convenios coa Axencia de Turismo de Galicia para o desenvolvemento dos Plans de Sustentabilidade Turística dos Bosques do Eume e o destino Xeoparque de Ortegal, cun investimento de tres millóns de euros financiados con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos Next Generation.
Tamén se aprobou o Plan Xeral de Prevención de Riscos e Medidas Antifraude que ten o obxectivo de garantir unha adecuada xestión dos fondos europeos Next Generation.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.