Sindicatos acusan a Ryanair de incumprir a lei ao considerar servizos mínimos o 100% de voos programados

A aeroliña pretende operar todos os voos nas xornadas de folga convocadas.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 23/06/2022 | Actualizada ás 20:23

Comparte esta noticia

USO e Sitcpla advertiron a Ryanair de que está a incumprir "de forma manifesta" o decreto de servizos mínimos emitido polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a folga de tres días que dá comezo a medianoite do 24 de xuño, xa que a aeroliña quere operar o 100% dos voos programados.

Avión de Ryanair
Avión de Ryanair | Fonte: Ryanair - Europa Press.

Así llo fixeron saber mediante un certimail, un correo electrónico certificado con validez dixital. Os sindicatos recibiron esta tarde a listaxe de voos que Ryanair considera protexidos polo decreto e en virtude do cal citará os traballadores a cumprir cos servizos mínimos. Segundo sinalan os sindicatos tras comprobalo cos seus servizos xurídicos, a aeroliña prevé operar o 100% dos voos.

"Ryanair está a enviarnos unha orde ilegal, que contravén de forma manifesta o decreto de mínimos de Transportes, que xa de seu era abusivo", indicou a secretaria xeral de USO en Ryanair, Lida Arasanz, quen incidiu en que os traballadores están "ante a mesma desprotección que hai catro anos".

Pola súa banda, o delegado de Sitcpla en Ryanair, Manuel Lodeiro, remarcou que os traballadores se senten "completamente traizoados polo Estado de dereito". "Ningún organismo protexe os nosos dereitos fundamentais, pero si o negocio da empresa que máis burla a lexislación nacional", apostilou.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) comunicou que a folga de Tripulantes de Cabina de Pasaxeiros (TCP) de Ryanair de seis días afectará a 2.649 operacións e a preto de 440.000 pasaxeiros en dez aeroportos españois, polo que fixou servizos mínimos que poden alcanzar nalgúns casos ata o 82% dos voos programados.

A folga está convocada para os próximos 24, 25, 26 e 30 de xuño e 1 e 2 de xullo, nas dez bases da aeroliña no Estado español: Madrid, Málaga, Sevilla, Alacante, Valencia, Barcelona, Xirona, Santiago de Compostela, Eivissa e Palma de Mallorca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta