Rueda, sobre o novo plan de medidas anticrise do Goberno: "Benvidas sexan, pero chegan tarde"

Miguel Tellado, vicesecretario xeral de Organización do PP, considera que o plan responde á "situación electoral" do PSOE.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2022 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, emprazou a coñecer en que consiste o plan de medidas anticrise que o Goberno central aprobará este sábado e que, ao seu xuízo, "chega tarde". "Imos ver en que consisten. As que veñan, benvidas sexan; pero chegan tarde", sinalou o mandatario autonómico en declaracións aos medios en Caldas de Reis (Pontevedra), onde fixo parada mentres realiza o Camiño de Santiago en bicicleta pola ruta portuguesa.

Para o presidente galego, o Executivo central "deuse conta" de que "son necesarias" algunhas ideas, como a rebaixa do IVE na electricidade, que defendeu "durante meses que eran medidas cosméticas que non valía a pena tomalas".

"A xente necesitas medidas urxentes", incidiu o tamén presidente do PP de Galicia, que incidiu na importancia de poñer sobre a mesa "rebaixas fiscais" como vía para aliviar a situación económica de familias e empresas. "Esperamos que sexan útiles e non cheguen demasiado tarde", aseverou finalmente.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, / Xunta. / Europa Press
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, / Xunta. / Europa Press

"SITUACIÓN ELECTORAL" DO PSOE

Pola súa banda, o vicesecretario xeral de Organización do PP, Miguel Tellado, sinalou este sábado que o Consello de ministros extraordinario convocado polo Goberno central para aprobar un novo plan de medidas anti crises ten que ver coa actual "situación electoral" do Partido Socialista.

"O PSOE leva perdendo eleccións autonómicas dous anos. É evidente que hai un movemento de cambio na política nacional", apuntou o vicesecretario popular en declaracións aos medios este sábado en Santiago. Así mesmo, Tellado precisou que se o Partido Socialista non perdese nas eleccións andaluzas, "hoxe (este sábado) non habería un consello extraordinario".

De todos os xeitos, o representante popular considerou esta reunión "necesaria" para adoptar medidas que "alivien a carga" das familias e pemes pola actual situación de inflación económica. "Esperamos que o Partido Socialista escoite o plan económico de Feijóo e que aprobe propostas que palíen a situación económica dos españois", manifestou Tellado.

"As pemes son un 10% menos competitivas e máis pobres que hai uns meses, a inflación está comendo os salarios", denunciou. En relación coas eleccións andaluzas, o representante do Partido Popular subliñou que o electorado "está canso" do escenario político de "confrontación, e que a cidadanía aposta "cada vez máis" por unha "política de consenso" que permita adoptar e aplicar medidas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta