O pleno da Cámara dará esta semana luz verde á Lei do ciclo da auga

Será a primera que queda aprobada con Rueda como presidente.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2022 | Actualizada ás 12:08

Comparte esta noticia

O pleno da Cámara galega aprobará na sesión plenaria que se celebra este martes e mércores, días 28 e 29 de xuño, a Lei de mellora do ciclo integral da auga, o primeiro texto legal que quedará aprobado de forma definitiva baixo a Presidencia de Alfonso Rueda, tras iniciar a súa tramitación no último mandato de Alberto Núñez Feijóo.

A orde do día arrincará pola mañá coa comparecencia da conselleira de Política Social, Fabiola García. Tras iso, a sesión interromperase con motivo da celebración do acto de entrega das Medallas Castelao. Xa pola tarde terá lugar o debate e aprobación definitiva da Lei mellora do ciclo integral da auga; así como a toma en consideración do Proxecto de lei de áreas empresariais de Galicia.

Ademais, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deberá responder na sesión de control ás preguntas da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sobre o seu papel na defensa dos intereses de Galicia; e do portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, quen o interpelará sobre a situación da Atención Primaria.

Precisamente, os socialistas galegos buscarán centrar o pleno no "gravísimo problema" da Primaria. Para iso, levarán, así mesmo, unha moción na que emprazarán o Goberno galego a comprometer a convocatoria, nas dúas próximas Ofertas Públicas de Emprego, de prazas para todas as categorías laborais implicadas na Atención Primaria; así como ampliar o tempo dos contratos de continuidade ata un mínimo de dous anos. En materia sanitaria, o PSdeG tamén interpelará á Xunta sobre a situación do Medicina Interna.

Os socialistas galegos tamén defenderán outra moción na que pedirán o incremento do número de técnicos dos equipos de valoración da dependencia e urxirán ao Goberno galego que remita á Cámara un informe detallado sobre as listas de espera prol provincias.

Ademais, defenderán unha proposición non de lei a través da que reclamarán que a Xunta se persone nos casos de LGTBifobia e outra para que a Xunta implante o sistema de gardas 24 horas nos xulgados da Coruña e Vigo, como reclaman os profesionais.

Por último, preguntarán ao Executivo autonómico sobre a colaboración co Goberno para mellorar o mapa de transporte de Galicia ao soster que o deseñado pola Xunta "non dá resposta ás necesidades da poboación" e urxirán á Consellería de Educación que inclúa o bacharelato xeral e o de artes na oferta formativa dos centros educativos do Val Miñor.

INICIATIVAS DO BNG

Pola súa banda, na sesión na que Pontón preguntará a Rueda sobre a defensa dos intereses de Galicia ante o Estado, o Bloque buscará un acordo unánime para reclamar a creación de tres xulgados específicos de violencia machista en Santiago de Compostela, Lugo e Ourense. Tamén pedirá que a Xunta se persone nos casos de delitos de odio por LGTBifóbia nun contexto de "incremento" deste tipo de agresións.

A orde do día tamén recolle que o BNG interpelará ao Goberno galego tanto sobre a sinistralidade laboral como sobre o uso agrícola ou forestal de terras de vocación agrícola. Ademais, entre outras cuestións, formulará preguntas á Xunta sobre os contratos privados de patrocinio publicitario adxudicados por Turismo de Galicia a medios de comunicación madrileños.

PROPOSICIÓNS DO PPDEG

Pola súa banda, o Grupo Popular demandará ao Goberno que rectifique o disposto na Lei de residuos estatal, que reduce ao próximo 30 de xuño o prazo para que os concellos de máis de 5.000 habitantes implanten o colector marrón para a recollida de biorresiduos. Deste xeito, reclamará que o prazo se amplíe ata decembro de 2023 como marca o establecido na Directiva Europea e na Lei de residuos de Galicia.

Unha segunda proposición non de lei dos populares galegos ten como obxectivo que o Goberno central actúe con toda a celeridade posible para dar unha solución ao colapso e peche á circulación do viaduto do Castro, na Autovía do Noroeste, concretando as previsións sobre os traballos de reparación, así como das iniciativas dirixidas a revisar, inspeccionar e garantir a seguridade e funcionalidade de todos os viadutos desta autovía.

Ademais, o PP interesarase pola valoración da Xunta sobre a decisión dos responsables municipais da cidade de Lugo de "manter pechado, sen uso e sen mantemento", o novo auditorio despois dun investimento que supera os 25 millóns de euros; e preguntarán tamén ao Goberno galego sobre a sentenza do Tribunal Supremo que desestima a reclamación feita pola empresa concesionaria da AP-9 sobre o pago das peaxes en sobre de Rande e A Barcala.

Hemiciclo galego no XI Lexislatura, con Rueda como presidente e Elena Candia na Mesa da Cámara. PARLAMENTO DE GALICIA
Hemiciclo galego no XI Lexislatura, con Rueda como presidente e Elena Candia na Mesa da Cámara. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta