O Rexistro Civil de Ourense accede ao cambio de indicación de sexo dun menor de 9 anos

O xuíz alega que a minoría de idade do inscrito "non pode ser motivo para desposuílo dos dereitos que lle asisten".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/06/2022 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

O maxistrado encargado do Rexistro Civil de Ourense accedeu ao cambio da indicación de sexo dun menor de 9 anos que figura na súa acta de nacemento como "muller" pola de "home", ao entender que a existente non se corresponde coa verdadeira identidade de xénero do inscrito. Así o informou o Consello Xeral do Poder Xudicial, que sinala que o xuíz explica nun auto que, tal e como indicou o Tribunal Supremo na súa sentenza 685/19, a minoría de idade do inscrito "non pode ser motivo para desposuílo dos dereitos que lle asisten".

Bandeira LGTBI.
Bandeira LGTBI.

Ademais, destaca que, tras escoitar ao interesado, quen está lexitimado ao estar asistido e representado polos seus pais, "considéraselle con madurez suficiente, a pesar da súa curta idade" e subliña que "non hai motivo algún para que siga padecendo a distorsión que existe e vén padecendo entre a indicación de sexo 'muller' no asento rexistral, co nome de home e o que pensa e como pensa".

"Dita disonancia mantívose ao longo da existencia do menor, desde que tivo conciencia, polo que non tería sentido que se lle condene a seguir contando na súa acta rexistral como muller, o que podería provocar situacións que poden ser indesexables", recalca o xuíz no auto, no que reitera que o menor xa "posúe nome de home e pensa, actúa e sente mozo-home".

Por iso, o maxistrado Darío Carpio Estévez Pérez, encargado do Rexistro Civil de Ourense, incide no auto, emitido con data do 10 de xuño, en que "a identidade de xénero, efectiva e verdadeiramente sentida polo solicitante é, sen lugar a dúbida, a de home".

Na resolución tamén sinala que non existe "dato algún que leve a poder inferir que tal estado de cousas non se veñan producindo desde hai anos atrás, é dicir, a existencia unicamente de datos que indican que tal situación non é flor dun día, senón que refire, sen dúbida, á persistencia no tempo no que vén mantendo a disonancia entre a indicación de sexo de 'muller' rexistral, co sexo de 'home', co que verdadeiramente vén actuando, sente e faise sentir o inscrito".

REACCIÓNS

Sobre esta decisión, a presidenta de ALAS A Coruña, Ana García Fernández, insistiu en que "porque sexan menores non significa que non teñan clara a súa identidade".

"É un cambio na mención rexistral, non pasa nada se dentro de dez anos ou dentro de dous meses se bota atrás. A vida flúe, as identidades flúen e non pasa nada. Hai ese estigma porque o que pelexas cando es unha persoa trans é porque se che recoñeza como o que sentes. A vida non é unha caixiña na que che metes e xa de aquí non cambias", comentou.

"Un neno ou unha nena de oito anos pode ter as cousas tan claras ou máis claras que eu con 34", afirmou. "Creo que ao final o que teñen que facer as leis e as familias e as contornas dos menores é acompañalos e reforzalos", concluíu.

Nesta liña, o portavoz de Sex Point do Comité Antisida da Coruña, Rubén Alexandre, abundou que coa idade deste menor "xa tes propia conciencia e xa empezas a sentir". "Logrou un paso moi grande, aplaudimos", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta