Un de cada catro galegos poderase beneficiar de novas medidas fronte á crise, segundo o Delegado do Goberno

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, sinalou que "volvemos aprobar un escudo social sen precedentes, xusto e equitativo, que precisamente chega aos que menos teñen e máis sofren os efectos da inflación e a subida dos carburantes".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2022 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

Un de cada catro galegos poderanse beneficiar directamente dalgunhas das medidas aprobadas o sábado no Consello de Ministros fronte á crise, por exemplo da subida das pensións non contributivas, do Ingreso Mínimo Vital (IMV) e do bono de 200 euros para familias con baixos ingresos.

Son cifras que deu este martes o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, quen destacou que o Executivo que saca adiante estas propostas "é o mesmo que apostou polas familias e os sectores máis afectados na crise pola covid".

"Volvemos aprobar un escudo social sen precedentes, xusto e equitativo, que precisamente chega aos que menos teñen e máis sofren os efectos da inflación e a subida dos carburantes. O obxectivo é amortecer, con todos os medios ao alcance do Goberno, os efectos do conflito de Ucraína e garantir unha repartición xusta dos efectos desta crise", resumiu Miñones.

Ademais, reiterou a chamada feita en marzo, "desde a unidade e a solidariedade que esixen esta situación", á "lealdade institucional" para articular esta resposta en España e en Galicia e "garantir que este ano 2022 sexa o da transformación" na Comunidade galega.

O Real Decreto aprobado o sábado en Consello de Ministros prolonga no tempo certas medidas --como o desconto de 20 céntimos por litro de sasolina-- e amplía outras fiscais para mitigar o encarecemento da enerxía. O texto supón un despregamento de máis de 9.000 millóns de euros.

IMV E PRESTACIÓNS

De acordo coas cifras da Delegación do Goberno, a subida do IMV e das prestacións non contributivas chegará directamente a 100.000 galegos que mensualmente perciben este tipo de prestacións sociais na Comunidade.

No que respecta ao Ingreso Mínimo Vital, Miñones destacou que 52.600 persoas en Galicia, "das que 20.648 son menores de idade", manterán o incremento transitorio do 15%. Así mesmo, o decreto estende este aumento ás pensións non contributivas de invalidez e xubilación, das que se abonan mensualmente na Comunidade 46.000 en total.

A iso súmase a axuda de 200 euros que se poderá tramitar a partir de xullo e que beneficiará a asalariados, autónomos e parados inscritos nas oficinas de emprego que residan en fogares cunha renda inferior aos 14.000 euros. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), case 700.000 galegos están por baixo deste limiar.

OUTRAS MEDIDAS

Así mesmo, o delegado do Goberno resaltou outras medidas adicionais, como a prohibición da suspensión da subministración de luz, gas e auga, o límite ao 2% da revalorización dos alugueres e os descontos nos medios de transporte públicos --do 50% nos xestionados polas empresas estatais e do 30% nos da Xunta e os concellos--.

Miñones tamén mencionou a rebaixa do IVE da electricidade, a conxelación do prezo máximo da bombona de butano en 19,55 euros, o adiamento de pago de cotas á Seguridade Social para o sector pesqueiro e o agrario, e a ampliación das axudas á seca.

Neste contexto, o delegado lembrou que o Executivo estatal aprobou máis de 72 millóns de euros en axudas directas á pesca e gandaría de Galicia dentro do plan inicial de resposta á guerra en Ucraína. Deles, 55,3 millóns abonáronse a máis de 6.400 explotacións produtoras de leite de vaca.

En canto ao transporte, beneficiarase de medidas extraordinarias que proporcionarán transparencia na fixación do prezo, co obxectivo de protexer ao transportista ao repercutir adecuadamente o incremento do prezo do combustible na factura. "En Galicia beneficiaremos directamente a 10.700 empresas", remarcou Miñones.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, en rolda de prensa. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, en rolda de prensa. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta